Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Libro de familia

    teño un certificado como empregado público que me permite asinar documentos dixitalmente cunha sinatura .pdf ou mediante unha aplicación de Java no portasinaturas electrónico da miña Universidade. Hai pouco, ademais, expedíronme o DNI-e, para poder acceder a un procedemento do Ministerio de Cultura, solicitei tamén o certificado electrónico, na miña condición de administrado, é dicir, de mero cidadán.

    Este último foi un proceso bizarro: vas ao sitio web ultramoderno dun organismo de nome anacrónico como a naftalina: Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT, para abreviar). Alí, paso 1), descargas e configuras un software, que, se todo vai ben, proporciona un código alfanumérico e dá opción, co tal numerito, a, paso 2), solicitares una cita nalgunha oficina pública agregada ao sistema. Obteño a cita e alá marcho o día indicado a Salgueiriños, cas da Facenda a ver se me dan o certificado de marras. Revélolle o código ao funcionario, quen, moi solícito, indícame que xa podo activar a certificación no paso 3, pero, ollo, que a tal activación só vale para a terminal (é dicir, o ordenador) onde instalase o software do paso 1 e, iso, non con todos os navegadores.

    Uff. Deixe que lle confese algo: sentei por vez primeira perante un ordenador no outono de 1985 e, dende entón, a miña dedicación profesional, en eidos variados, sempre estivo ligada de preto á tecnoloxía informática e documental, unha tecnoloxía en permanente evolución. Pregúntome, polo tanto, que será obter o demo do certificado electrónico ese para un cidadán/á con pouco ou nulo contacto coas virguerías dixitais. E agora, a pregunta do millón: pero é que aínda existe xente que non ten ordenador, conexión a Internet nin móbil? Non! Non pode ser. Ou si, poderá ser, pero alá eles, madia a levan se aínda non se decataron de que os tempos de falar do tempo co empregado do banco mentres se sacaba diñeiro da conta pertencen ao paleolítico. Hoxe temos unha comodísima banca dixital, bizum, diñeiro virtual, bitcoins, certificados dixitais de todo tipo e para que tratar cunha persoa se o mesmo pode facelo unha máquina? Xa sabe: se quere que ser atendido en galego, marque 1; se quere..., un peñazo que, en sete de cada dez casos, remata cunha horrísona melodía indefinida, mentres se agarda inutilmente ser atendido por un operador (é dicir, un home ou muller que, como Godot, nunca chega).

    O último grande avance no proceso de disolución da condición humana no ecosistema da ditadura dixital é a desaparición do libro de familia, substituído por un robótico código dixital con información sobre identidade, estado civil... A frase libro de familia reúne dous conceptos, a cal máis fermoso; é unha expresión, tépeda, entrañable e tenra como un cabezal de miraguano, que evoca cousas sinxelas, cargadas de autenticidade, cousas que cada vez pertencen máis a un mundo ido.

    08 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.