Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Literatura infantil e xuvenil . Elos de Lectura

Poemario para todo tipo de avoas, netos e netas

inés mosquera

CRPIH

Xosé A. Perozo (Llerena, 1951) é un xornalista, editor e escritor que leva moitos anos residindo en Galicia. Logo de ter realizado diversas angueiras relacionadas co xornalismo e a edición, agora dedícase en exclusividade á escritura de libros, ademais de presidir a OEPLI. E así é que estamos ante un grande prolífico escritor en galego e castelán para lectorado infantil, xuvenil e adulto, que ten no seu haber galardóns como o Premio Blanco Amor de Novela Longa e o Premio de Novelas por Entregas de La Voz de Galicia.

Xa previamente publicara na colección Árbore da Editorial Galaxia O enigma de Embívicus e agora sae do prelo nesta mesma colección O libro das avoas, poemario acompañado das ilustracións de María Lires (A Coruña, 1973), que está destinado a lectorado a partir dos oito anos.

Conforman este exemplar vinte e oito composicións poéticas, que se funden con fermosas ilustracións en tonalidades ocres, evocadoras dunha sorte de bela nostalxia. A obra versa sobre as avoas; en palabras do propio autor, está “escrito para as avoas, / que gustan de ler historias / a netas de gran memoria, / a netos moi estudosos / e aos serios gatos e gatas / que cheiran, miran e calan”.

Perozo, valéndose dos recursos formais e estéticos propios do xénero poético, fala sobre Luisina, Sarela, Merchi, Rosa, Carmela, Sabela, Camila, María, Serafina, Ximena e Carme. Todas elas teñen en común o feito de ser avoas, mais cada unha é tan diferente da outra que todas merecen ter cabida neste poemario. Ora ben, tamén están presentes aquelas avoas que non son avoas, que non teñen fillos, netos nin mascotas. Son moitas as características comúns e non comúns asociadas ás avoas amentadas nesta obra. Temos exemplos no poema Mestra, que alude á súa vivencial sabedoría, ou en Un paraugas, onde se pon de manifesto a súa xenerosidade. Por outra banda, preséntannos personaxes máis afastadas do clixé da avoa tradicional, caso de Camila, a avoa artista.

Máis aló de describir tipos de avoas e as súas características, Perozo aborda temáticas como a emigración, a soidade e a desmemoria. Sobre este último tema, o poema As palabras ofrece uns elocuentes versos: “María fala coa lúa / sen levantar da cadeira, / sentada xunto da fiestra, / porque hai tempo que perdeu / as palabras que di a lúa.”.

Recomendamos este fermoso volume que nos permite apreciar que “cando temos unha avoa / temos un rico tesouro. / E se temos dúas avoas / temos un castelo de ouro”.

inesmosquerac@gmail.com

Pódese humanizar unha cidade?

blanca roig rechou

USC/CRPIH

A cuestión do título afortunadamente ten resposta afirmativa. Si se pode humanizar con bos exemplos que inviten a facelo, como é o caso do álbum poético Chófer de Sandías da autoría de Antonio Rubio e Emilio Urberuaga. Un magnífico álbum publicado por Kalandraka, na súa colección Demademora e verquido ao galego por Xosé Ballesteros.

Trátase dun relato imaxinativo, cargado de pegadas humorísticas no que a limpeza dunha cidade gris, moi contaminada, foi realizada a partir dun xogo infantil que partiu dun talo verde, que agromou ao pé dun farol verde situado na grande avenida. Este fenómeno natural levou á rapazada a converter en medios de transporte diferentes hortalizas e así limpar a cidade. Esta narración rimada, que podemos incluir na categoría de “poesía e conto” con raiceiras na lírica de transmisión oral, ademáis de ser moi do gusto da rapazada é un bo medio de animación lectora cara á poesía.

Novidades Xerais: Mulleres libres

MARTA NEIRA

LITER21-USC/CRPIH

Catro mulleres, catro percorridos vitais acompañados de música tradicional son os tres piares de As músicas viaxeiras (Xerais, setembro 2021), do recoñecido escritor Ramón Caride.

En catorce breves capítulos María, Exeria (Albaflor), Nursa e Frida contan as súas vidas, sobre todo indican as razóns polas que un día se foron da casa por cansazo, por humillación, por liberarse de presións e vivir a gusto. As dificultades polas que pasaron ata que conseguen liberarse das garras do xigante lévaas a ser donas das súas decisións de vida e a liberar a outras mulleres.

En cada historia non falta unha cantiga popular que ten como tema central as situacións polas que pasan e pasaron cada unha das protagonistas. Pandeiros e pandeireteiras soan en cada unha das páxinas, moitas iluminadas coas ilustracións coloristas de Dani Padrón. Nunha nota final Caride cita fontes de inspiración para as súas reescritas.

marta.neira@usc.es

Fermoso e emotivo álbum narrativo

CARMEN FERREIRA

UDC/ANILIJ-ELOS

O asubío do avó (Galaxia, 2021) é un álbum narrativo da escritora Ángeles Goás, unha nova voz que lle fai unha homenaxe aos avós, con ilustracións figurativas do artista plástico Leandro Lamas (Narón, 1973).

Nesta narración, o protagonista recorda o día a día pasado co avó, os xogos que realizaban e, sobre todo, o asubío que usaba para chamar a todos os animais domésticos e para alegrar os labores do pobo. Un día o vello perdeu ese don e, aínda que o buscaron por todas partes, non o atoparon. A avoa anímabao, pero el decidiu ir na súa procura.

Guiado por unha avelaíña, recolleu as cousas que consideraba importantes e contento foi para alén mar, onde vive agora. O seu neto practicou ese asubío e un día conseguiu emitilo con oficio e con el volver a poñer música á contorna. Aprendeu a gardar todas as cousas importantes e, sobre todo, as lembranzas da súa nenez e das diversións e contos compartidos co seu querido avó.

mariadelrocio.garcia.pedreira@usc.es

Verbas amigas para Blanca-Ana Roig e a LIX

carmen ferreira

UDC

O pasado venres, 1 de outubro, reuníronse no edificio CINC da Cidade da Cultura compostelá preto dun cento de persoas para homenaxear á investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Blanca-Ana Roig Rechou, un número que, de non ser polas limitacións de aforo derivado da pandemia, sería moito maior.

No acto de homenaxe a esta profesora e investigadora fundamental da LIX foi acompañada na mesa presidencial polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro (CIRP), Manuel González González, e o profesor José António Gómes, da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto, responsable dunha excelente laudatio, feita desde a amizade e o cariño, na que o douto investigador portugués non deixou de amentar a literatura, a música ou o cinema.

Na celebración déuselle entrega do volume colectivo na súa honra, Verbas amigas, titulado así porque a amizade é o sentimento que preside todas e cada unha das achegas que nel se acollen e porque o afecto e a confianza aos seus é intrínseco en Blanca Roig.

Na obra, coordinada polo secretario do CIRP, o profesor e crítico literario Armando Requeixo, e pola actual coordinadora dos Informes de Literatura, proxecto que Roig puxo en marcha en 1995, Marta Neira, agrúpanse máis de medio cento de persoas, especialistas de diferentes universidades galegas e foráneas, así como de diferentes institucións e centros de ensino e investigación, que sumaron esforzos para ofrecerlle á homenaxeada un celmoso conxunto de traballos que transitan polos vieiros nos que o seu maxisterio é probado; a saber: a Literatura Infantil e Xuvenil e o seu estudo. Parabéns a Blanca, traballadora incansable e muller de gran calidade humana!

m.fboo@udc.es

18 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.