Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

López-Barxas leva a ‘Nós’ ata a Fundación Ortega-Marañón

Acompañáronlle na presentación Valentín García, Darío Villanueva e César A. Molina

O centenario da revista Nós, que a Xunta de Galicia decidira prorrogar ata finais de ano por mor da pandemia, foi o eixo sobre o que onte o escritor ourensán Paco López-Barxas disertou na Fundación Ortega-Marañón de Madrid.

O tema do encontro, no que tamén se presentou o estoxo que López-Barxas publicou recentemente co título de Nós arredor de nós (Teófilo Edicións, 2020), en colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta, xirou sobre A Xeración Nós arredor de Europa. O estoxo é unha publicación de luxo, en opinión do editor, para o luxo dunha xeración.

A homenaxe foi presentada por Fernando R. Lafuente, secretario de redacción da Revista de Occidente. Unha homenaxe desenvolta a modo de conversa entre o escritor López-Barxas, César Antonio Molina e Darío Villanueva, exministro e exdirector da Real Academia Española, respectivamente.

Na súa intervención previa, Valentín García lembrou o significado de Nós para a cultura galega, “en tanto que dignificación da literatura e lingua galegas tralo ronsel das Irmandades da Fala”.

Pola súa parte, o escritor achegou a súa visión sobre o modo no que estes persoeiros, con Losada Diéguez como guieiro do grupo, incorporaron a Galicia ás perspectivas europeas e atlánticas, con especial consideración pola cultura lusa e irlandesa. Unha presenza abundantemente explícita nas páxinas da revista Nós.

Asi mesmo, e tendo en conta a celebración do acto na emblemática sede da Fundación Ortega-Marañón, antigo centro de “Residencia de Señoritas”, dirixido desde a súa creación en 1915 por María de Maeztu, Paco López-Barxas referiuse tamén ao pensamento de Otero Pedrayo en relación co pensamento de Ortega. Neste aspecto lembrou o discurso que Otero Pedrayo pronunciara en Bos Aires, en 1959, no que, co título de Galicia y Europa, o escritor de Trasalba abundara en referencias á figura do creador da Revista de Occidente, do que coñeceu os seus ensaios sobre a cuestión nacional e, particularmente, La España invertebrada (1922) e La rebelión de las masas (1929). Referencias non exentas de admiración (por veces crítica) á figura do filósofo madrileño, do que destaca o seu estudo sobre as orixes da ciencia moderna de Europa. Esa Europa, que en opinión de Otero Pedrayo “non pode explicarse sen a lingua e a poesía dos cancioneiros medievais” galegos.

Pola súa parte, César A. Molina referiuse a importancia das revistas contemporáneas de Nós, como a revista Alfar, salientando o seu peso entre as vangardas europeas dos anos vinte. César A. Molina non só reeditou a edición facsimilar da revista coruñesa, senón que é autor do documentado estudo sobre “La revista Alfar y la prensa literaria de su época (1929-1930). Do mesmo xeito, o académico Darío Villanueva valorou a universalidade dos ensaios de Ortega y Gasset e a súa “ambición de globalidade”, desde as propias orixes da Revista de Occidente.

15 dic 2021 / 18:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.