Lorenzana salienta o valor da prensa nos novos modelos para a igualdade
contra a violencia machista
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, situou este venres e aos medios de comunicación á vangarda da creación de novos modelos para a igualdade e destacou que son alidados e axentes de cambio social “imprescindibles” en materia de igualdade e na loita contra a violencia de xénero. Lorenzana expuxo, na terceira edición do Congreso da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), que a formación e a sensiblización dos profesionais da información é fundamental porque son “a voz das silenciadas” e a “tribuna” da loita contra a violencia machista.
No evento, que se celebrou en Santiago de Compostela, baixo o lema Igualdade de xénero: clave para un desenvolvemento sostible e a eliminación da violencia de xénero, tamén engadiu que os e as periodistas son un altavoz desde o que concienciar á sociedade de que a violencia contra as mulleres é “unha das violacións aos dereitos humanos máis xeralizadas, persistentes e devastadoras”.
Lorenzana lembrou que o traballo dos medios de comunicación foi fundamental no labor que as organizacións de mulleres intensificaron nos anos 90 para a denuncia e a visibilización das vítimas de violencia de xénero e afirmou que é importante continuar por este camiño conseguindo unha información con perspectiva de xénero, que reflicte “fielmente” a relidade de homes e mulleres.
Para a conselleira, a clave é abrir o foco dando protagonismo ás mulleres que lograron romper co círculo de violencia de xénero; ofrecendo información positiva co fin de que as mulleres se animen a denunciar; evitando a banalización do problema; e o sensacionalismo, recreándose nos detalles que alimentan o morbo; non xustificando ao agresor ou describilo como “un bo veciño”; e non facer unha victimización secundaria, a das fillos e/ou fillas.
A titular de Emprego e Igualdade afirmou, así mesmo, que para acadar o obxectivo dunha imaxe igualitaria e non estereotipada resulta imprescindible a formación e sensiblización dos profesionais, ademais de contar coa complicidade das persoas directamente involucradas na comunicación e a publicidade. Neste senso, lembrou que a Xunta colabora coa Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e coa celebración deste foro, impulsando códigos de boas prácticas, cursos de formación e material informativo. A Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero indica que velará polo tratamento axeitado das noticias relacionadas coa violencia de xénero nos medios de comunicación e a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero dedica o artigo 14 a establecer os termos da difusión de informacións relativas á violencia contra as mulleres.
“O obxectivo é fomentar un cambio de actitude para non xustificar, trivalizar ou incitar calquera tipo de violencia contra as mulleres, eliminando estereotipos sexistas e prexuízos discriminatorios”, subliñou. Lorenzana concluíu a súa intervención afirmando que “a ruptura do silencio axuda a romper coa impunidade e a crear conciencia”.
O acto tivo lugar no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.