Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Luar’ cumpre 29 anos: o programa de variedades máis lonxevo da TV

Á fronte da noite dos venres na TVG, trátase dunha plataforma de preservación da cultura galega e de exaltación dos artistas e do talento da terra // Xosé Ramón Gayoso, presentador que xa forma parte da familia de moitos galegos, desexa que “isto continúe aínda que eu non estea”

Todos estes anos Gayoso convertiuse en cara coñecida en todas as familias de galegos e galegas e, quen máis quen menos, considerao un membro máis da casa. Con todo, el asegura que “Luar non son eu, é a xente que o confecciona, toda a xente que está os venres no plató e tamén toda a expresión artística da nosa terra, composta por bandas, pandereteiras, orquestras...”.

É por iso que “non me gusta personalizar todo iso en min, baixo ningún concepto Luar son eu, outra cousa é que a máscara da televisión permita que, como presentador, a xente me colla cariño, mais se algún día non estou gustaríame que o programa seguise adiante e incluso mellorando”.

“Eso é o que quero para o futuro de Luar, xa que de xeito contrario, disgustaríame moitísimo”, asevera o presentador.

OS COMEZOS DA AVENTURA ALÓ POLO ANO 1992. O director e codirector de Luar, Teo Manuel Abad, tivo aló polo ano 1992 a idea de “aunar todo o patrimonio musical galego, os coros, as agrupacións de baile tradicional e toda esa extensa relación de actividades musicais”, explica Xosé Ramón Gayoso, que engade que “baseouse na xuntanza de dous programas que dende as orixes da TVG, en 1985, xa daban cabida a toda a manifestación artística galega: Ruada e Boa Noite”.

En concreto, Ruada daba unha pincelada de talento do exterior e Boa Noite do que era Galicia: Luar aunaba ambas versións. Así, a partir de 1992, Xosé Ramón Gayoso e Teo Manuel Abad comezan o que o primeiro deu en denominar como “un verdadeiro matrimonio televisivo”.

PLATÓ DE PASO DE ARTISTAS AGORA COÑECIDOS INTERNACIONALMENTE. Centos de artistas que pasaron polo plató de Luar sendo pouco coñecidos acadaron tralo paso polo programa fama nacional. Mais, pese a que esta foi a súa plataforma de lanzamento, Gayoso subliña que “o artista chega a donde chega porque xa ten valía, xa ten talento”.

Por exemplo, “Luis Tosar estivo unha tempada completa con nós, o que foi todo un orgullo, ten un grande talento e demostrouno co seu traballo no noso programa, así que sacamos peito diso; igual que sucedeu cos Tonechos e Roberto Vilar, ou Víctor Fábregas e Touriñán”.

MERCEDES PEÓN COMO AUTORA DO CAMBIO E DA ESENCIA. Asimesmo, o presentador resalta a labor de Mercedes Peón, “ca que comeza esa raíz máis profunda, a partir da segunda tempada de Luar, cando o programa comezou a subir coma a es-

cuma e a facerse súper popular entre os galegos”.

“É a muller que trae a Luar a todas esas mulleres e homes herdeiros dos cantos de xeitura, de traballo e de faena, que eran algo habitual no campo, e que só vivían da transmisión oral, na mente das personas que todavía os cantaban”, apunta Gayoso, que engade que, “tras a incorporación desta muller, creouse toda esa homenaxe á cadena de transmisión oral que constitúe o patrimonio musical galego, enxebre, algo marabilloso e máxico”.

CONEXIÓN ENTRE O RURAL E A CIDADE: NON TAN DISTANTES. “É obrigado pola nosa parte, como televisión pública, mostrar os dous mundos, o rural e a cidade”, asegura Xosé Ramón Gayoso, que destaca que “non hai que esquecerse que a xente da cidade, na súa maior parte, ven do rural, todos temos un primo, un pai ou un amigo na aldea”. “Ese patrimonio hai que coidalo”, sobre todo para que as novas xeracións, que xa naceron nas cidades, sigan coñecendo a tradición galega.

EQUIPO DE TRABALLO: GUIÓN E PRODUCCIÓN DE LUNS A XOVES. En Luar trabállase de luns a xoves, cun equipo de 12 persoas nunha oficina encargada da parte creativa e de guión e da parte de producción. Ambas as dúas traballan conexas porque así debe ser: “unha parte decide a que artista invitamos ao seguinte programa e a parte de producción encárgase da elaboración do contrato, de chamalo, de reservar o hotel, a viaxe, a data na que pode vir, chamalo, fixar as cancións que vai interpretar... polo que a parte máis creativa debe convivir coa da producción na misma oficina”.

UN PROGRAMA DE ‘RÉCORD’ GRAZAS AO APOIO DO PÚBLICO. “Non se trata de establecer récords nin nada polo estilo, aínda que sería bonito chegar aos 30 anos por aquelo de acadar unha cifra máis redondeada”, asegura Xosé Ramón Gayoso, que, pese a todo, confesa que “se o público decidira que o formato lle cansa ou lle aburre... Xa estaría amortizado”, comenta entre risas.

Con todo, asegura estar “tremendamente satisfeito”, xa que “nunha profesión como esta, na que todo é tan rápido e cambiante, o normal é que un programa dure con éxito unhas tempadas e que remate, así que chegar a 29 anos en antena é algo que non soñabamos nin nos nosos mellores soños”.

Ademais, cre que “para estar aquí tantos anos, a aqueles que o facemos, tennos que gustar moito o programa, querer moito aquelo que facemos, ter un gusto especial polo noso traballo e crer no noso patrimonio”. Tamén se considera moi afortunado de poder emitir Luar en horario de máxima audiencia na noite dos venres “con vida”.

GAYOSO COMO HISTORIA VIVA DA TELEVISIÓN. Xosé Ramón é o irmán, fillo, cuñado ou xenro de toda familia galega, unha cara que leva 35 anos nas pantallas de televisión de toda Galicia.

“A primeira cara que aparece en antena cando a TVG emite por primeira vez é a de Dolores Bouzón, que agora está guiándonos a todos dende o ceo, pero de ahí xa me dan paso a min, e dende esa nunca máis desaparecín”, explica o presentador.

Ten a sensación de que “para moitos xa nacín alí e xa miña nai me deu a luz alí, tras o que empecei a facer programas de televisión e non parei nunca”, comenta entre risas.

“Nunha comunidade como a nosa, nunha televisión que comeza de xeito modesto, aínda que con moita dignidade, o crecemento foi moi progresivo e iso foi facendo que esas primeiras caras que saíron aí se fosen facendo familiares”, incide, até o punto de declarar que “incluso aqueles que nos critican é porque nos queren”.

“Estou encantado de ter tanta xente á que considero coma da miña familia e que me expresa día a día o seu cariño a través de mensaxes, chamadas e mesmo pola rúa”, sentencia.

datos técnicos
arredor de catro horas de directo

··· Trátase dun dos grandes éxitos da Televisión de Galicia (TVG), sendo líder de audiencia na súa franxa horaria e cunha especial relevancia na audiencia entre os galegos emigrados a través de Galicia TV.

··· É o segundo programa máis lonxevo da historia da televisión en España, ao levar 29 anos en antena, só por debaixo de Informe semanal de TVE, que leva 46 anos.

··· Dirixido por Teo Manuel Abad e Xosé Ramón Gayoso, realizado por Teo Manuel Abal e presentado tamén por Xosé Ramón Gayoso, na actualidade emítese en directo dende o Plató 1000 en Motouto (Teo, A Coruña), os venres pola noite ás 22.00 horas.

··· É un programa de variedades centrado eminentemente no xénero musical, que lle da un amplo espazo á música galega (sobre todo á tradicional), aínda que tamén deixa espazo para o humor e os concursos.

··· Moitas figuras do audiovisual e da música galega fixeron as súas primeiras aparicións nel ou ben se fixeron coñecidos a través desta plataforma en toda Galicia e a nivel nacional, como foi o caso de Luis Tosar, Mercedes Peón, Paula Vázquez ou Os Tonechos, entre outros. En total, pasaron polo programa máis de 5.000 artistas.

··· É o único programa do seu xénero en todo o panorama da televisión estatal que abrangue arredor das catro horas en directo.

··· Converteuse en plataforma de promoción tanto do novo talento musical como do humorístico de Galicia, con concursos como Canteira de Cantareiros ou Recantos.

18 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito