Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Luar’ realizará unha homenaxe a Mecano no programa de hoxe

Mentres, ‘A Revista’ contará ca cociñeira nativa de Santiago Lucia Freitas, gañadora do San Sebastián Gastronómika

O programa Luar chega hoxe cun grande espectáculo no seu escenario, o de ‘Me cuesta tanto olvidarte’, unha homenaxe á mítica banda española Mecano, protagonizada por Robin Torres, que volve despois de seis anos de xira e máis de 250 concertos por España e pola América Latina. Pasaron case 30 anos desde que Mecano presentou a súa última xira, ‘Aidalai Tour’, e, dúas xeracións despois, a súa música segue moi presente entre o gran público.

Facer que este se reencontre coa verdadeira esencia de Mecano é o obxectivo desta montaxe, que esta noite fará parada no espazo da TVG, cun vestiario e unhas coreografías renovadas, unha brillante escenografía e unha posta en escena espectacular. Nesta actuación, os espectadores poderán escoitar temas icónicos do grupo como La fuerza del destino e Siete de septiembre.

Entre os convidados destacados, esta noite tamén visita o programa o explosivo trío Las Supremas de Móstoles, cuxa calidade vocal e números artísticos garanten diversión en cada unha das súas actuacións e que este venres animarán o público e a audiencia cos seus temas pegadizos e cargados de humor.

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández tamén contará coa presenza da orquestra Cinema, da histórica agrupación musical ourensá Coral de Ruada e do grupo de música tradicional Asubíos da Chaira.

Ademais, Luar ofrecerá hoxe unha actuación moi especial, a de Esther Estévez, a presentadora do #DígochoEu, que sorprenderá a audiencia con Falsos amigos, a primeira canción do espazo #ApuntamentoLusófono, que xa acumula máis de 40.000 reproducións nas redes sociais da CRTVG e que xoga con termos en galego e portugués que levan a confusión.

Finalmente, no tempo do concurso ‘Recantos’, enfrontaranse Daniella Castro, representante da comarca Terras de Pontevedra, e Toni Silva, procedente de Ourense sur.

A revista. O espazo recibirá hoxe a cociñeira compostelá Lucía Freitas, que acaba de conquistar o San Sebastián Gastronómika, un dos foros máis importantes do sector co seu relatorio ‘Vangarda primaria’, en que falou dos piares da gastronomía e do territorio galego e, a modo de homenaxe, subiu ao escenario 25 mulleres do rural para realizar unha performance. Natalia Penas tamén falará con Xosé Portas, xerente de cárnicas Discarlux, que achegou o produto que gañou, neste mesmo foro, o premio á mellor costeleta de España.

Por outro lado, o programa da TVG achegarase en directo á pequena aldea de Belcrime, no concello ourensán de Vilamarín, protagonista dun feito inédito. Con só 24 veciños, este venres celebrará as súas humildes festas patronais con dúas das orquestras máis importantes de Galicia: Olympus e París de Noia. Todo foi organizado nun lapso de tempo de 15 días e, no caso da París, por unha singular aposta.

A Revista tamén conversará hoxe coa alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, que falará do evento co que este concello ourensán rememorará este domingo a súa tradición e historia, retrocedendo á Idade Media coa recreación do prensado nos seus lagares ruprestres e co tradicional pisado de uvas.

Ao programa tamén están convidados os actores Josito Porto e Marta Lado, integrantes do elenco de Malo Será!, o programa que leva o teatro á televisión e cuxo equipo sae de novo este domingo de xira por Galicia..

06 oct 2022 / 20:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.