Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Luar’ terá a Gisele, participante da I edición de Operación Triunfo

Mocedades volverá a visitar o clásico programa musical da TVG para cantar o seu gran e recoñecidísimo éxito ‘Eres tú’

O programa Luar recibe este venres a visita da cantante barcelonesa Gisela, que pode presumir de ter unha das carreiras máis exitosas e internacionais de todas as xurdidas na primeira edición de Operación Triunfo. Dúas presenzas en Eurovisión, numerosos discos no mercado, a súa ben gañada categoría de ‘moza Disney’ e ser a única artista española que cantou nos Óscar dan fe de que soubo labrarse unha impresionante traxectoria máis de 20 anos despois do seu paso pola célebre academia.

O espazo da TVG tamén contará hoxe coas voces corais dun grupo cuxos temas son coñecidos xeración tras xeración, Mocedades, unha das formacións máis lendarias da música española, que neste 2023 celebran os 50 anos da súa canción máis emblemática, Eres tú, coa que representaron a España no Festival de Eurovisión de 1973, conseguindo a segunda posición.

Ademais, estarán no escenario Laura LaMontagne & PicoAmperio, que presentan o seu primeiro disco, ‘Algo que sinalar’. Sempre armados coa tradición galego-portuguesa das cantigas de amigo, o seu imaxinario electrónico destrúe fronteiras temporais e estilísticas e abre novos camiños neste proxecto multiforme a través do hip hop, o folclore, a world music, melodías suaves e atmosferas rascadas.

Outro dos convidados desta noite é o músico e compositor galego Rodrigo Ramos, que, tras máis dunha década formando parte de distintas formacións, sendo a voz e o principal compositor, iniciou a súa carreira musical en 2015.

Completan o cartel musical desta semana a orquestra Finisterre, o histórico Real Coro Toxos e Froles, fundado en Ferrol en 1914, e o grupo de música e baile tradicional Tahúme.

E, para rematar o programa, non podía faltar unha nova entrega do concurso ‘Recantos’, en que hoxe participarán Gloria Cespón, procedente da Barbanza, e Mar Brey, representante da comarca Galicia centro.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial contra a Depresión, hoxe visita A Revista o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle. Precisamente, onte coñecéronse os datos do estudo demoscópico La salud mental y su percepción por parte de la opinión pública española. Indican que practicamente a totalidade dos cidadáns, o 97 % dos enquisados, considera que existe un estigma negativo en relación ás patoloxías mentais. Ademais, o 33 % cre que falta información sobre estas doenzas.

Tamén experta no eido da saúde, visitará o programa Marisol Soengas. Xefa do Grupo do Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, acaba de ser elixida presidenta da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (Aseica). Dirixirá a institución os próximos dous anos, converténdose
na terceira persoa nada en Galicia en acceder ao posto.

Daniel Arias Aranda, catedrático de Dirección Estratéxica da Empresa na Universidade de Granada, intervirá no magazine para falar da carta aberta que escribiu denunciando a caída do nivel educativo dos alumnos, que se fixo viral. Atribúe a cuestión ás novas tecnoloxías. Asegura que coñece mellor as marcas dos dispositivos electrónicos dos seus alumnos que as súas caras e que portátiles e móbiles se converteron nun elemento de distracción nas aulas.

A presentadora do matinal, Loly Gómez, terá ocasión de conversar co presidente de Facua, Víctor Muñoz, e máis co colaborador habitual do programa Octavio Villazala, que achegará os seus interesantes comentarios sobre animais.

13 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.