Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis contido para a rapazada na grella da G2 desde hoxe

Chega a serie xuvenil ‘Miracle Tunes’ e máis novas entregas do programa de ‘A pita cega’, cunha selección de ficcións animadas

A partir de hoxe chegan importantes novidades á G2, a segunda canle da Televisión de Galicia, en todas as faixas de programación, co afán de achegarse máis ás demandas e gustos dos espectadores e de adaptarse mellor aos horarios de maior consumo.

Refórzase dese xeito a grella para que a G2 siga a ser unha canle especializada en Galicia, tanto en contido infantil e cultural coma deportivo e de servizo público.

Así, veñen á pantalla dous novos contidos para a rapazada galega: por unha parte, Miracle Tunes, a primeira serie xuvenil musical de produción galega, que vén avalada polo seu éxito no mercado italiano e que xa foi estreada a fin de semana pasada na web da CRTVG e na APP do Xabarín, e, por outra parte, unha nova quenda de episodios do programa de produción propia A pita cega, que quere acompañar os máis cativos nas mañás da fin de semana cunha selección de series animadas feitas en Galicia como Tutu, Axóuxeres, As aventuras de Minchi, Caracois, etc.

Agora, de luns a venres haberá tres bloques de programación infantil e xuvenil con horarios moi ben axustados ás faixas de maior consumo nestas idades.

A faixa de 7 a 9 da mañá está dedicada á produción galega feita para os máis pequenos, a de 14.00 a 15.00 h, á mítica saga Dragon Ball e a de serán (de 18.30 a 21.45 h.) a contidos variados que inclúen Shin Chan e debuxos animados da factoría Dreamworks.

Ademais, como complemento á escola, a oferta matinal dos sábados incluirá unha compoñente lúdica-educativa nova desde as 11 da mañá, con contidos moi variados que inclúen as emblemáticas series de animación Era unha vez..., programas interactivos en que se aprenden cousas, como O Sabedoiro ou Aquelando, clips divulgativos sobre xeografía e clima como poden ser Meteoxenio ou Xeoclip, o concurso Coma un Allo e programas divulgativos como Feito con Cabeza.

Outra das grandes novidades na programación desta canle estará nas mañás.

Todos os días, de luns a venres, os espectadores poderán recrearse cun maratón de ficción coas mellores series de produción propia.

A serie escollida para arrancar este bloque de ficción é unha das máis vistas en televisión e cunha importante repercusión internacional: O Faro, unha atractiva historia centrada nos enfrontamentos entre dúas familias polos seus negocios e as tensións que provocan o amor, os celos, os segredos e a traizón. Como peche deste bloque da franxa matinal, os espectadores atoparán as aventuras de Os Atlánticos, nome dunha orquestra que vai de verbena en verbena.

Para completar a oferta outonal, as tardes terán un toque vintage e nostálxico, dedicando un espazo importante aos amantes do xénero do Oeste e recuperando a mítica serie Bonanza en entregas de dous episodios diarios.

DEPORTES pero TAMÉN OFERTA DE CINE E fora desta nova aposta por unha grella onde medran os contidos para os espectadores da franxa infantil e xuvenil, as fins de semana animaranse coa volta á competición do deporte galego, en especial co grupo de 2ª B onde xogan os equipos galegos.

Ademais, mantéñense os espazos informativos habituais, coa redifusión do Telexornal Mediodía en linguaxe de signos, os faladoiros e o cine galego e de Hollywood xa que as longametraxes tamén teñen oco na segunda canle.

19 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.