Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis de 150 iniciativas arredor de Florencio Delgado Gurriarán

Presentado un amplo programa de propostas con motivo das Letras Galegas 2022, adicadas ao escritor, tradutor e activista

A programación das Letras Galegas 2022, dedicada á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista Florencio Delgado Gurriarán incluirá un amplo abano de propostas con máis de 150 actividades.

Unha programación impulsada pola Xunta de Galicia, A Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades e administracións locais, e que foi presentada este mércores en Compostela.

As actividades, nas que están implicadas a CRTVG, a comarca de Valdeorras ou a Deputación de Ourense irán dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida, a figura e a obra do autor de Valdeorras.

Están pensadas para toda a cidadanía e desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio.

Durante a presentación desta programación, que tivo lugar na Cidade da Cultura, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, gabou a elección da RAG ao escoller a Delgado Gurriarán como homenaxeado neste 2022, pois “xogou un papel esencial na divulgación da nosa lingua e a nosa cultura ao longo do século XX”, ao tempo que “desenvolveu un fondo compromiso político e democrático nunha época convulsa”.

“Foi un home irrepetible que dedicou a súa vida á nosa terra e ás nosas letras e que hoxe poñemos en valor con esta programación que chegará a toda Galicia”.

O conselleiro tamén destacou a “ampla programación conxunta con máis de 150 iniciativas en Galicia e no exterior que, como cada ano, irán medrando nas próximas semanas e meses”, e que se desenvolverán desde o Goberno autonómico coa colaboración de “diferentes axentes culturais e institucións”.

Na rolda de prensa participaron, ademais, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; o académica da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o sobriño e biógrafo do homenaxeado, Ricardo Gurriarán.

A programación das Letras Galegas 2022 incluirá proxectos expositivos como o titulado Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de Ensoños, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coa editorial Galaxia, ou Compromiso na distancia, que percorrerá dez localidades galegas entre maio e decembro.

Son dúas mostras ás que se suman outras moitas como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Outro dos aspectos que caracteriza cada ano a celebración desta efeméride é o seu carácter participativo. Para iso, impulsaranse accións nas que buscar a implicación de toda a sociedade, como lecturas públicas, concursos de podcast ou a tradicional Carreira das Letras.

Neste senso, haberá espectáculos tales como o teatro de obxectos Tras os vieiros de Florencio, da man da compañía Fantoches Baj; actuacións musicais, como a 40º edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; obradoiros nas bibliotecas públicas, como Versos, cores e colaxes, impartido por María Lires; contacontos, como O garoto de Ipanema, a cargo de Caxoto, ou especiais na CRTVG que, entre outros programas, emitirá durante todo o mes de maio as micropezas Polos vieiros de Florencio.

Xa desde o punto de vista educativo, “porase en marcha unha iniciativa innovadora en colaboración cos concellos da comarca de Valdeorras”, anunciou o conselleiro.

En concreto, desenvolveranse rutas educativas pola comarca para dar a coñecer os principais puntos de interese artístico, histórico, social e cultural do lugar. No eido educativo tamén se manterá o traballo dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino, cuxos recursos máis destacados poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.

Pola súa banda, no ámbito académico, manteranse citas habituais como o simposio organizado pola Xunta e a RAG, centrado na personalidade e obra literaria do autor.

Por último, o conselleiro de Cultura resaltou o “papel fundamental que terá a programación das Letras Galegas no exterior, dado o enorme labor do homenaxeado á hora de promover a lingua e cultura galega desde o exilio”, de xeito que é “un símbolo do importantísimo papel que durante anos xogou e aínda segue xogando a colectividade galega no exterior”.

Esta programación incluirá desde festivais culturais en Nova York e México ata as actividades promovidas polos Centros de Estudos Galegos que están repartidos polos diferentes continentes.

30 mar 2022 / 17:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.