Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis de 33.000 sinaturas apoian a iniciativa Xabarín

A Mesa pola Normalización Lingüística entregounas no Parlamento para secundar unha lei que mellore a programación infantil e xuvenil en galego

SANTIAGO. A Mesa pola Normalización Lingüística entregou na mañaná do mércores no Parlamento de Galiza máis de 33.000 sinaturas en apoio da proposición non de lei de iniciativa popular ao Parlamento de Galiza para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través da canle Xabarín, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha app actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos. A iniciativa tamén insta a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.

“A enorme cantidade de sinaturas recollidas a pesar das dificuldades no contexto sociosanitario actual demostra que o problema da lingua galega no audiovisual e outros sectores non é de demanda senón de ausencia de oferta”, asegurouo presidente da entidade, Marcos Maceira. Neste sentido, Maceira lembrou tamén que “a porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6 % durante a semana e cae ao 2,7 % na fin de semana e que a programación en galego só está garantida por unha única canle, a TVG”. “No contexto das plataformas dixitais o galego, simplemente, non existe”, denunciou.

“A unanimidade social arredor da Iniciativa Xabarín débese reflectir nun apoio unánime do Parlamento”, afirmou Maceira. Neste sentido, o responsable da entidade de defensa da lingua advirte que a Mesa traballará os próximos días en conseguir o voto afirmativo de todos os grupos parlamentares.

A Mesa anunciou que após o debate parlamentar a iniciativa continuará desenvolvéndose para que a nova lei do audiovisual que presentará o goberno español recolla estas demandas estabelecendo unha porcentaxe de galego igual a do castelán en todas as emisións orixinais, dobradas ou lexendadas, lineais ou baixo demanda, así como igualdade no financiamento antecipado das producións.

“A situación do galego non é irreversíbel se entre todas e todos traballamos para mudala”, salientoi Maceira, “e iso pasa, en primeiro termo, por garantir a presenza do galego en todos os espazos tamén o audiovisual que cada vez máis ocupa un espazo central no lecer da mocidade”.

A Mesa agradeceu aos centos de estabelecementos comerciais e de restauración, persoas voluntarias e as entidades sociais que mantiveron até o final con moitas dificuldades a colaboración coa iniciativa. ECG

07 abr 2021 / 12:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Lei
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.