Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 29 enero 2022
02:00
h

Máis de 750 actuacións no patrimonio cultural nun lustro

A Xunta puxo en marcha obras de conservación en 170 concellos e foron declarados 70 Bens de Interese Cultural desde o ano 2016

A Xunta de Galicia executou no último lustro máis de 750 actuacións para garantir o futuro dos bens patrimoniais da comunidade. Así o explicou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia, onde afondou nas principais liñas de traballo do Goberno autonómico no eido da protección e posta en valor cultural.

Neste senso, o responsable galego de Cultura explicou que a Xunta é unha das principais administracións comprometidas co patrimonio cultural, o que se traduce nunha “política decidida a favor da salvagarda deste activo”. Tanto é así que, tal e como explicou, este exercicio se intensificaron os esforzos, incrementando un 19 % a partida destinada a este fin.

“Este aumento no orzamento estanos permitindo ampliar o traballo que vimos realizando desde o Goberno galego nos últimos anos, e nestes momentos vimos de rematar ou temos en marcha noventa actuacións cun investimento de case dezasete millóns de euros”, engadiu.

A estes traballos cómpre engadir os executados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural desde o ano 2015, que se suman as accións realizadas por outros departamentos da Xunta de Galicia e que supuxeron un avance no obxectivo estratéxico de blindar a conservación do patrimonio, facendo que algúns dos inmobles máis representativos do país sexan legados ás futuras xeracións nas mellores condicións.

Así, Román Rodríguez asegurou que no último lustro actuouse en preto de 170 concellos de toda a comunidade, cun investimento de case cincuenta millóns de euros, “cumprindo grandes fitos como a reinauguración da Catedral de Santiago oitocentos anos despois” de que tivera lugar a súa construción.

Concretamente, e segundo o seu balance, nos últimos anos leváronse a cabo máis de 230 actuacións de mellora en igrexas, capelas, conventos, ermidas e mosteiros.

Unhas actuacións ás que se suma o impulso de case catrocentas intervencións en concellos do Camiño de cara pola celebración do Xacobeo.

Os traballos beneficiaron á posta en valor do noso pasado con case duascentas iniciativas en xacementos arqueolóxicos como campamentos romanos, castros ou petróglifos e preto de oitenta obras en pontes e bens da arquitectura defensiva de Galicia como castelos, torres ou fortalezas.

Destaca neste punto o importante compromiso coa investigación e posta en valor de campamentos romanos como a Ciadella (Sobrado) ou Proendos (Sober), nos que xa se levaron a cabo case corenta iniciativas e se segue actuando neste sentido co fin de afondar e dar a coñecer o noso pasado romano.

Puxo en valor o contido da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, un texto que garante a protección do noso patrimonio e cuxa aplicación permitiu declarar máis de setenta Bens de Interese Cultural desde o ano 2016. “O actual marco facilitou os avances no eido da protección do noso patrimonio”, afirmou

É un avance que veríase afectado polo anteproxecto de Lei de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura.

“Pedímoslle ao Goberno central que recapacite porque invade as nosas competencias e incrementa os trámites burocráticos dificultando a xestión e empeorando a atención á cidadanía”, dixo.

Unha petición ante a que a parlamentaria socialista Noa Díaz insistiu na necesidade de que a Xunta asuma a importancia de redefinir as políticas de xestión do patrimonio e “cambiar as lentes” neste ámbito, informa Europa Press.

29 sep 2021 / 18:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.