Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 24 enero 2022
02:00
h

Máis de un millón y medio para o mosteiro de Sobrado dos Monxes

Esta nova achega de axudas públicas súmase aos 2,3 millóns de euros investidos ata agora pola Xunta neste coñecido Ben de Interese Cultural nos últimos anos

O Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes contará cun novo investimento de 1,65 millóns de euros para mellorar a conservación do Claustro Grande. Así o anunciou este venres nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. E informou que este é unha das iniciativas propostas pola Xunta de Galicia para formar parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Na súa visita, o responsable autonómico de Cultura explicou que o proxecto de restauración porase en marcha nas vindeiras semanas co inicio do proceso administrativo. “A nosa previsión é que os traballos nesta xoia patrimonial, de especial importancia para toda Galicia pola súa vinculación co Camiño de Santiago, estean completados antes de que remate o ano 2023”, sinalou.

O proxecto centrarase nos sistemas construtivos do claustro grande do mosteiro a través da renovación da cuberta de tella. Para iso, mellorarase o seu aspecto e comportamento para favorecer a ventilación e impermeabilización. Tamén se renovará o illamento térmico co fin de incrementar a eficiencia enerxética do edificio. Todas estas accións, tal e como precisou Román Rodríguez, faranse tendo en conta a existencia de fauna protexida na zona, adoptando as medidas máis axeitadas de protección e salvagarda.

O obxectivo, tal e como explicou o conselleiro, é mellorar a conservación do monumento e abrir á visita pública este terceiro claustro dotándoo de materiais de interpretación e expositivos para o seu uso cultural e turístico. “Este ben é un dos principais mosteiros de orixe medieval de Galicia e a nosa obriga é contribuír a súa conservación ao tempo que compaxinamos a protección co seu uso como recurso sostible e activo que mellore a calidade de vida da zona na que se atopa”, afirmou.

Neste senso, Román Rodríguez lembrou que o Mosteiro de Santa María de Sobrado, cun papel complementario como albergue de peregrinos, goza do máximo nivel de protección patrimonial, xa que ademais de recoñecido como Ben de interese Cultural, está asociado a declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte.

Esta nova achega para mellorar a zona do claustro grande súmase aos 2,3 millóns de euros investidos xa pola Xunta na conservación do Ben de Interese Cultural nos últimos anos e na creación dun albergue público para peregrinos. Cómpre lembrar que o Goberno galego actuou no conxunto monumental do mosteiro de Santa María cun proxecto integral que permitiu eliminar as filtracións de auga, humidades e contaminación biolóxica. Ademais, nesa ocasión tamén se renovou de forma íntegra a cuberta da igrexa, limpáronse os muros e melloráronse as condicións de habitabilidade e accesibilidade da igrexa acondicionando como espazo de lectura a antiga capela dos monxes no claustro da Hospedería.

14 ene 2022 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.