Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Maldición feita artefacto de orixe incerta

Tres personaxes en momentos históricos distintos cuxas historias se van alternando ao longo da novela e un artefacto maldito cuxo pasado está tinguido de misterio, intriga, e, talvez, un chisco de superstición. Paulo Calvo (Ames, 1977) vén de publicar a súa primeira incursión no mundo da novela con A maldición de San Brandán, unha obra xuvenil lixeira, mais de ritmo acelerado, que nos invita a non deixar a lectura coa esperanza de debullar as moitas incógnitas que agocha con habilidade. Foi publicada no pasado ano 2019 por Galaxia Editorial, dentro da colección Costa Oeste, pensada especialmente para o lectorado mozo.

Daniel Alvite, luthier da USC ao servizo de Uxío Regueira, a maior eminencia no campo do estudo dos instrumentos musicais, durante o decorrer do ano 2015; o doutor Fausto Wessler, ao servizo dos intereses do Führer e da súa desalmada angueira persoal ao comezo da década dos 40; e o pai Aldán, un frade de grande fortaleza mental e física cuxa historia se remonta ao 1182. Ambos os tres cun mesmo propósito: custodiar con sabedoría un estraño artefacto de orixe incerta que pertenceu a un mozo irlandés de nome Brandán que xogou a ser Deus e sufriu as consecuencias. As mesmas que vivirán en primeira persoa aqueles que non teman o poder e padezan do interese egoísta dos que entran en contacto coa maldición de San Brandán.

Co pano de fondo das fermosas paisaxes galegas en cadansúa época histórica correspondente, o lector verase inmerso nun mundo a cabalo entre a realidade e a superstición, intrigante e cativador a partes iguais, onde a tentación do poder feita obxecto loitará por escurecer ata o máis puro dos corazóns latexantes. Serán os distintos personaxes principais e secundarios capaces de alterar o devir dos acontecementos, ou rematarán sendo meros fantoches dun destino imposíbel de controlar?

rociogpedreira@gmail.com

12 may 2020 / 22:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito