Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Manter o investimento cultural para evitar que o sector colapse

Dous profesionais do sector avogan nun coloquio organizado polo Consello da Cultura Galega por axudar as artes como xa se está a facer noutros territorios

A segunda sesión do ciclo Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a covid-19, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), puxo onte o foco en coñecer que se estaba a facer noutros territorios e ver cales desas propostas eran trasladables á realidade galega.

Nela participaban María Camino Barcenilla, da Deputación de Navarra, e Pau Raussell, responsable de Econcult, unidade de investigación no campo da Economía da Cultura.

Para este último “o verdadeiro risco é que a retirada de investimento posibilite o colapso do tecido cultural”.

Marián Fernández, xestora cultural en O Cable Inglés, foi a encargada de moderar esta cita titulada Reflexións inspiradoras, que puxo sobre a mesa cales debían ser as estratexias para protexer o tecido cultural.

Para Barcenilla, xefa da Sección de Recursos e Desenvolvemento de xeito Estratéxico da Dirección Xeral de Cultura-Institución Príncipe de Viana e que forma parte da Comisión de Mecenado, a clave está “en dar amparo legal á política cultural ao mesmo tempo que se mantén a programación, e isto supón xerar formatos e facer mapeos dos sectores culturais e artísticos dentro dos protocolos de seguridade”.

Na súa opinión é un bo un momento para facer mapeados e observar o tecido asociativo e os profesionais que emerxen con propostas innovadoras.

Para Raussel, responsable de Econcult, hai que engadir outro factor, “o consumo cultural debe ser tamén un consumo ideolóxico do que debemos ser conscientes os cidadáns e non deitar a responsabilidade nas administracións”.

É partidario dunha campaña que promova o consumo cultural “se nós non alimentamos a cultura que queremos consumir, acabaremos consumindo a cultura que as grandes empresas e mainstream queren que consumamos”, afirma.

Barcenilla participou no deseño do Plan Estratéxico de Cultura de Navarra e na redacción da pioneira Lei foral de dereitos culturais. De feito, na súa opinión é unha boa ferramenta legal para apoiar este sector.

A unidade investigadora que dirixe Pau Rosell avanzou parte dos resultados dunha enquisa a axentes culturais para analizar o impacto da covid-19. Conta con 800 respostas, das que 50 son específicas de Galicia.

Aínda non teñen con resultados concluíntes pero apréciase que existe unha gran preocupación nas e nos profesionais galegos por como cumprir as obrigas económicas e pola necesidade de contar con información sobre reprogramación. Unhas inquedanzas que están por riba das manifestadas por profesionais culturais doutros ámbitos.

“Estamos na metade do túnel e creo que esaxeramos os discursos utópicos pero tamén os distópicos, que todo vai desaparecer. Penso que nin unha cousa nin a outra. Avanzamos cara a unha situación intermedia na que se pon en cuestión un paradigma convencional da política cultural no ámbito territorial” afirmou Rausell. Na súa opinión, hoxe en día está superado o reto da democratización cultural xa que calquera cidadán cun equipo e unha boa conexión a Internet pode acceder a servizos e bens culturais impensables nos cincuenta. Agora, os espazos deben entenderse como lugares de encontro e interacción e deben satisfacer “o dereito a emocionarnos e compartir, que ten máis que ver co dereito á comunidade” asegurou. Na súa opinión, cómpre repensar como se reconfiguran os espazos mantendo as condicións de seguridade pero tamén a posibilidade de que as e os cidadáns se encontren como unha comunidade.

Ciclo en liña Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a covid-19 é o nome dun ciclo co que o Consello da Cultura Galega pretende analizar a cultura municipal. O ciclo conta con tres sesións telemáticas nas que se debate sobre os retos, perspectivas, estratexias e ferramentas das políticas culturais dos concellos en Galicia.

Na primeira cita falouse de reprogramación, adiamento, adaptación, cambio, oportunidade, potenciar a cultura de proximidade, a cultura de base, a creación de novos públicos e vincular a actividade cultural ao desenvolvemento socioeconómico, entre outras propostas.

No marco desa cita analizouse a realidade municipal perante a covid-19 a través de tres concellos moi diferentes: Boiro, Allariz e Pontevedra.

A conversa de onte e outras poden verse desde no web desta institución galega.

Cartos
A importancia do traballo nos concellos

··· O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta gastou 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. E son as entidades locais, os que executan as principais liñas de traballos.

28 may 2020 / 19:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.