Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Manuel Baltar anuncia o compromiso de Ourense co uso da lingua galega

Pretenden impulsar a normalización do idioma, a través de medidas avaliadas por expertos

Ourense. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou este sábado o compromiso do grupo provincial de goberno para impulsar “a normalización da lingua galega a todos os niveis”, proposta que se concretará nun conxunto de medidas que, avaliadas por especialistas na materia, será presentada ao pleno da institución para lograr o maior consenso posible”. Así consta no manifesto que este sábado asinaron no Concello do Irixo Manuel Baltar e as trece deputadas e deputados que apoian o goberno provincial, ao remate da andaina “Camiño de Nós”, organizada para conmemorar o 101 aniversario do primeiro número da revista Nós.

Os participantes na andaina saíron da Insua dos Poetas, no Carballiño, para facer un percorrido de preto de oito quilómetros que rematou na Ponte do Irixo, “vieiro que fixeron no verán do Ano Santo de 1926, entre Ourense e Santiago de Compostela, os galeguistas Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Afonso Vázquez Monxardín, Lois Feixóo, Antón Sánchez e Xavier Prado”, segundo recolle o manifesto.

Os asinantes do documento renovaron o seu “circio compromiso co idioma galego, lingua propia de Galicia, como establece o vixente Estatuto de Autonomía, aprobado pola vontade soberana do pobo galego en 1981”.

No manifesto, as deputadas e deputados declararon “o noso orgullo de galego falantes”, lembrando un vello pergamino de abril de 1228, conservado en Allariz, o Foro do Burgo de Castro Caldelas, considerado polos estudosos e investigadores como o documento máis antigo en lingua galega. “Animados polo espírito de afirmación galega”, con esta sinatura sumáronse a nomes destacados da literatura e a poesía ourensás, “ás ideas do sabio Frei Benito Jerónimo Feijóo acerca da nosa lingua, os poetas e xoglares medievais nados en Ourense que trobaron en galego, pola voz indomable de Manuel Curros Enríquez no rexurdimento, e polos que engrandeceron o idioma de noso, dende Valentín Lamas Carvajal a Xosé Luís Méndez Ferrín, e dende Pura Vázquez a Chus Pato”.

A andaina e a sinatura do manifesto engádese ao anuncio realizado por Manuel Baltar durante o acto de entrega do título de Fillo Predilecto da provincia ao escritor Alfredo Conde. REDACCIÓN

30 oct 2021 / 19:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.