Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 03 diciembre 2021
15:15
h

Manuel Baltar recibe a Medalla de Ouro do Liceo de Ourense

“É unha sorpresa inmerecida porque o apoio incondicional que me atribúen é unha obriga”, sinala o presidente da Deputación ante este recoñecemento

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu este mércores a Medalla de Ouro do Liceo de Ourense en sinal de gratitude “polo decidido e incondicional apoio que permite manter e conservar un patrimonio como é o edificio do século XVI Palacio Oca Valladares, utilizado non só polos socios senón tamén por todos os cidadáns”, segundo recolle a decisión unánime da xunta directiva da entidade. “Unha sorpresa maiúscula e inmerecida”, dixo Manuel Baltar no seu discurso de agradecemento, afirmado que “o apoio incondicional que me atribúen é unha obriga”.

O presidente provincial declarouse “liceísta”, como defensor “dun orgullo da nosa cidade e provincia, referencia inescusable de Galicia, de sobra coñecida en toda España e con vinculacións internacionais”. Sen “postureos” asegurou ao recoñecer que non esperaba esta distinción, sinalou que o seu non era o discurso dun político sobre o Liceo “como faro de poderosa luz cultural e de circia ourensanía”, pedindo aos asistentes ao acto que tomasen as súas palabras “como unha respectuosa resposta a un xesto de xenerosidade e de valentía”.

Con todo, advertiu que se equivocan aqueles que pensen que “primando ao seu partido, beneficiando aos seus correlixionarios, preterindo as solicitudes de axuda económica e negando o apoio institucional van desenvolver unha acción de goberno crible e sostible”, declarando que “no meu caso poden estar seguros de que poño a miña condición de ourensán por riba dos intereses de partido”.

Manuel Baltar observou que son contadas as institucións que como “el Liceo” perduran, por iso agradeceu “a todas as persoas que dirixen esta casa, encabezadas por Xavier Casares, a total entrega, altruísmo e traballo constante e teimudo que resulta eficaz, non só cultural e socialmente, para o desenvolvemento dunha cidade e dunha provincia coma a nosa, dun territorio cunha historia bimilenaria e cunha identidade peculiar, fortemente arraigada que vai moito máis alá dos límites dunha provincia administrativa”. Ourense, engadiu, “proxéctase no mundo a través das súas mulleres e homes, do proverbial esforzo e do talento das ourensás e dos ourensáns e tamén do noso propio xeito de ver a vida, do humor e da sátira, elementos de defensa imprescindibles e válidos na sociedade da comunicación e das novas tecnoloxías”.

Baltar asegurou ter claro que as persoas “que atravesan a porta xiratoria do Liceo, ourensáns ou non, saben que entran nun espazo plural e democrático, nun lugar de concordia e diálogo permanentes, algo que nos honra a todos, pensemos como pensemos”, cunha expresa referencia á liberdade que se respiraba no Liceo “mesmo nos tempos da ditadura franquista”.

Neste eido, reafirmou a súa “convicción de galeguista” e a condición de Galicia “como unha nación cultural, un país con lingua e cultura propias, por iso reclamo máis autogoberno e maior autonomía”, recoñecendo que “non sería digno de ocupar esta palestra se non fose consecuente cos ideais que atravesan o pensamento galego”.

O presidente provincial concluíu a súa intervención co compromiso de que para axudar a engrandecer o Liceo “contade sempre comigo”.

Xavier Casares, pola súa banda, puxo en valor que “a vida cultural de Ourense non se entende sen as significativas achegas do Liceo, que sempre se sumou solidariamente a toda iniciativa que fose boa para a cidade e a provincia”, ben a través de accións propias ou doutras entidades que atoparon neste “espazo de ocio, convivencia e cultura” un lugar onde desenvolver as súas actividades.

No ano 2014 a actual xunta directiva se fixo cargo da xestión do recoñecido Liceo.

28 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito