Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Margarida Mariño troca en canción os versos de Xela Arias fusionando o chelo coa música electrónica

A violonchelista viguesa participa na serie de micropezas da RAG polo Día das Letras Galegas

Margarida Mariño participa na serie de micropezas da Real Academia Galega (RAG) sobre Xela Arias cunha colaboración ben especial. A violenchelista viguesa, que aposta pola fusión do chelo e a electrónica, púxolles música e voz a versos de Tigres coma cabalos, o segundo poemario da autora á que a institución dedica o Día das Letras Galegas 2021.

O videoclip do tema, gravado no Museo do Mar de Vigo, foi producido pola RAG e pode verse dende o luns en academia.gal e na canle de Youtube da entidade.

Margarida Mariño escolleu o poema que arrinca co verso Ti poñéndote fóra da vida dos gritos, ao que pertence tamén o que di Tigres coma cabalos abrasados e dá nome ao libro que Xela Arias publicou, hai xa tres décadas, en diálogo coas fotografías de Xulio Gil.

“Coido que a poesía de Xela Arias encaixa moito coa miña forma de facer música, no sentido de que son textos breves pero moi potentes e precisos. A poeta ten, dende o meu punto de vista, unha precisión á hora de empregar as palabras para describir xusto esa emoción ou esa situación na que estás pensando, e iso encántame”, valorou Margarida Mariño.

A compositora e intérprete interesouse por Xela Arias xa hai tempo, pero non foi ata o anuncio de que sería a protagonista do Día das Letras Galegas 2021 cando profundou na súa obra. E cando recibiu a proposta da RAG para participar na serie de micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta, tivo claro que o faría rendéndolle homenaxe coa linguaxe musical.

Elección de poemas. Dubidou entre varios poemas, e a escolla final está guiada non só polo que os versos elixidos transmiten coas palabras.

“Á hora de musicar un poema, hai que ter en conta moitas cousas. Primeiro, a lonxitude do texto, porque me gusta empregalo enteiro, sen retallar; e tamén é importante a rítmica das palabras, os seus sons fonéticos e, por suposto, que a estrutura dea xogo de cara a converter algún verso en retrouso, se ten forza de abondo como para ser o protagonista da canción”, explicou. “Por iso, aínda que había outros poemas que me gustaban, ao final atrevinme con este, vinlle moito potencial para facer música”, engadiu.

Unha nova voz. Margarida Mariño naceu e reside en Vigo, a cidade que acolleu a Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) dende os sete anos. A artista forma parte de distintos proxectos musicais de moi diversos estilos: colabora con Fernando Barroso, con quen publicou Silence Lovers (2017) e Xograr (2020); co quinteto de indie-jazz liderado por Iago Marta; ou o Trío Eixos Cromáticos, encabezado por Alba Barreiro e centrado en poñer en valor clásicos galegos como Jesús Bal y Gay ou Andrés Gaos. Dende 2020 traballa ademais no seu proxecto en solitario Cello&Electronics, mesturando o instrumento que comezou a tocar aos oito anos coa electrónica.

A violonchelista dará un concerto na Coruña na véspera do Día das Letras Galegas, o 16 de maio ás 20.00 horas, no Teatro Colón. As entradas, de balde, poden reservarse na páxina web do teatro Colón.

03 may 2021 / 12:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.