Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 23 marzo 2023
21:38
h

María Dolores Sánchez Palomino ingresa na Real Academia Galega

A sesión extraordinaria terá lugar o sábado 17 de decembro ás 12.30 horas no salón de actos da entidade // Poderá seguirse en directo dende academia.gal

María Dolores Sánchez Palomino ingresará o sábado 17 de decembro na Real Academia Galega como membro de número. A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña, investigadora de prestixio internacional no ámbito da lexicografía, é membro correspondente da RAG dende 2004 e dirixe na actualidade a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego, que estará dispoñible proximamente en liña. A filóloga pronunciará o discurso titulado Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? (De lexicografía e Academias), ao que lle dará resposta en nome da Academia o director do Seminario de Lexicografía, Manuel González González.

Vacante. A académica electa ocupará a cadeira vacante tras o pasamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar a partir das 12:30 horas no salón de actos da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña). Poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da institución.

carreira. María Dolores Sánchez Palomino dirixe dende 2012 a Rede de Lexicografía RELEX, na que participan máis dun cento de especialistas de quince grupos de investigación de países como España, Francia, Alemaña, Italia ou Suráfrica; e dende 2011 veu impartindo docencia no European Master of Lexicography, EMLex, organizado por un consorcio internacional de universidades e merecedor dunha mención Erasmus Mundus. É tamén redactora do Dictionnaire Étymologique Roman e codirixe o proxecto do Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega, no que participan investigadores das tres universidades galegas, e das de Zürich (Suíza) e Leipzig (Alemaña).

colaboración. A académica electa comezou a colaborar co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega en 1990, cooperou na elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega e foi redactora do Diccionario da lingua galega da RAG e o ILG (1990) e do Diccionario da Real Academia Galega (1997). É académica correspondente dende 2004 e participa de maneira continuada na revisión e actualización do DRAG, dispoñible en liña dende 2012.

Ao longo da súa carreira, María Dolores Sánchez Palomino dirixiu e participou noutros proxectos lexicográficos de ámbito autonómico, estatal e europeo, e foi autora dun alto número de publicacións e contribucións relevantes nesta especialidade, no campo da dialectoloxía e da literatura galega e románica en xeral.

08 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
RAG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.