Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máscara

    cando, durante o confinamento, vin o modelo de triquini que nos memes da rede se agoiraba para este verán (parte de arriba, parte de abaixo e máscara), fiando no pensamento popular de que nunca choveu que non escampara, crin que era unha esaxeración e que a tanto non chegariamos pois, de certo, Illa e Simón, que semellan xente seria e sabedora do que fai, axiña poñerían couto ao que, na altura de abril abril, dera xa mostras de ser un bicho ben túzaro.

    Non sendo a tipos raros coma min, capaces de ponderar o engado dunha praia salvaxe digamos Soesto, na Costa da Morte―nun día de inverno rigoroso, a imaxe que a praia proporciona ao común dos españolitos está directamente asociada a luminosos días de folganza, crema solar, churrasco, area nos pés, as cañas no chiringuito, festa rachada e niño, deja ya de joder con la pelota. Un modelo de felicidade tradicional, por certo, nada despreciable e que é motivo de internacional envexa e orixe dun movemento turístico, este verán brutalmente xugulado pola impertinencia do microbio. Recoñezo, a este respecto, que os pais e nais da miña quinta reproducimos cos nosos fillos, cando nos tocou, ese modelo de veraneo herdado dos nosos proxenitores e lembro emocionado aqueles días felices da nenez coa friameira dos bistés empanados (logo viría o táper con milanesas, unha cursilada) nun piñeiral da praia das Sinas.

    En fin, ao que vou, que eu prendo nunha silva. Como encaixar, entre tanto hedonismo e xúbilo estival, a puñetería esta da máscara? A máscara, normaliña de pack, estampada, cirúrxica, branca, negra ou colorá, é o símbolo da nova orde social, a punta do iceberg dunha normalidade absolutamente anormal, na que a praia, emblema e paradigma do estío, proporciona unha nova e por demais siniestra, como agora se di, experiencia de usuario: chega un ao areal de Lapamán ou Aguieira ou as recoletas calas do Carreirón e aquilo semella unha procesión de espectros, unha sorte de Santa Compaña protexida con factor 30 ou comparsa de Fantomas, na que a ocultación de media cara impulsa exponencialmente a intensidade das miradas. E que hai nas miradas? Cal é a paisaxe dende o borde dun tapabocas que acumula o suor no dondo do queixo e a bafarada do noso propio alento (algo así como un sorpresivo concentrado de nós mesmos)? Ollamos máis pantasmas. Intentamos identificar amigos e coñecidos e poñemos por obra unha sorte de caza de bruxas na que a vítima propiciatoria é o herexe sen máscara, que ousa desafiar o maligno poder do bicho poñendo en berlina a nosa saúde (e a súa, que, ben mirado, é o de menos).

    Afágase vostede a mirar dende o borde do tapabocas. Crimos que non, que don Estado pode con todo, pero aos poucos imos adquirindo a conciencia de que non, de que aire corrupto e carauta chegaron para quedar, madia a levan.

    22 ago 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.