Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Medio millón de euros para a recuperación do Pasatempo

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos dan luz verde para executar a primeira fase das obras de rehabilitación do emblemático parque brigantino

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos deron luz verde a un investimento de 525.000 euros para executar a primeira fase das obras de rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, na localidade brigantina.

Tras meses de trámites para contar coas autorizacións necesarias por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para a execución das obras nun espazo declarado BIC o pasado mes de febreiro, a Deputación aprobou onte en comisión e o vindeiro 25 de setembro en pleno o convenio de colaboración co Concello de Betanzos para financiar os primeiros traballos, que permitirán recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento hai dous anos.

Así o anunciaron onte no propio Pasatempo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, durante unha visita oficial do presidente á localidade na que tamén estiveron presentes o vicepresidente, Xosé Regueira, e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, o arquitecto redactor do proxecto, Xan Casabella, e os portavoces dos distintos grupos políticos representados na corporación brigantina, así como representantes da asociación Amigos do Pasatempo.

Valentín González e María Barral expresaron a súa satisfacción por este último paso administrativo antes de que, por fin, podan iniciarse as primeiras obras para recuperar esta parte central do Pasatempo e impedir que siga deteriorándose.

González Formoso afirmou que o convenio materializa “o compromiso adquirido por este Goberno provincial para apoiar ao Concello na recuperación e posta en valor dun ben patrimonial único en España, moi querido no só polos betanceiros e betanceiras, senón por toda a provincia da Coruña e de interese para toda Galicia”, aínda que lembrou que a lexislación vixente establece claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta.

Neste sentido, reclamou que a administración autonómica cumpra as súas promesas e ofreza o apoio técnico e económico comprometido ao Concello de Betanzos para completar un proxecto integral de rehabilitación do parque. “O compromiso provincial debería ser unha lección para que todas as administracións se impliquen decididamente con recursos económicos para a recuperación do Pasatempo”, afirmou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, agradeceu “o compromiso que nos encontramos desde o primeiro minuto no goberno provincial de González Formoso e a súa disposición a colaborar á hora de sentar as bases económicas para poder abordar estas primeiras obras”.

María Barral urxiu tamén á Xunta a presentar “desde o proxecto integral ata financiamento para poder continuar as obras e non quedarnos só co anuncio de incluír este Ben de Interese Cultural na solicitude do 1,5 por cento cultural”.

Execución
ano e medio para un traballo complexo

Obras artesás. Os fondos empregaranse para a recuperación dos elementos máis deteriorados debido a súa antigüedade e ao efecto da auga: o Estanque do Retiro e o seu templete, os espazos máis representativos do Pasatempo, que precisan dunha actuación urxente para evitar a súa destrución, segundo o arquitecto Xan Casabella, que apuntou que incluirá a recuperación de todos os elementos escultóricos, pictóricos e arquitectónicos desta área. Os traballos acometeranse ao longo de ano e medio segundo indicou Casabella, xa que se trata dun traballo que “ten moita complexidade, moi artesán”.

18 sep 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.