Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Rafa Cabeleira, columnista deportivo, e Lucía Taboada, xornalista

“Mentres moitísimos líderes relixiosos e políticos son locais, o fútbol é unha lingua universal”

Recentemente en Santiago tivo lugar o Festival de Filosofía ‘Libres. En serio???’, organizado polo Consello da Cultura Galega. Figuras como a xornalista Lucía Taboada –autora do libro ‘Como siempre, lo de siempre’– e o columnista deportivo Rafa Cabeleira –creador de ‘Alienación indebida’– reflexionaron sobre o fútbol e os tópicos máis frecuentes. “O fútbol libera ou adormece as masas? Cabe no fútbol a liberdade de opinión e expresión?” As respostas, a continuación.

O título da vosa disertación está moi ben: ‘Fútbol ou barbarie’. Por que será que co fútbol a xente transfórmase? Será porque as súas emocións están reprimidas?

Rafa Cabeleira: O problema non é tanto que se transforme como en que se transforma. Para moitos, o fútbol é unha pasarela emocional cara infancia. Iso non ten nada de malo, máis ben ao contrario. Se nos referimos ós comportamentos violentos, que os hai, teñen máis que ver coa naturaleza do individuo que do fútbol en si mesmo. Quen está predisposto a mostrar a sua agresividade sempre topará unha desculpa para facelo, incluída a do fútbol.

Lucía Taboada: Creo que ten máis que ver con que o fútbol ten emocións propias, e exerce en moitos casos un efecto liberador no afeccionado. Eu sempre digo que non poucas cousas hai máis liberadoras ca ilusión. E o fútbol inevitablemente nos transporta a iso. É demasiado tentador non ilusionarse antes dun partido, aínda que o teu equipo estea nunca racha malísima. Pensas: “Restan 90 minutos, todo pode pasar, aínda o imposible”. Hai un lazo intimamente emocional entre un equipo e un afeccionado.

Canto poder teñen os ultras?

R.C.: Moito menos do que tiñan nos anos oitenta ou noventa, por exemplo. Con excepcións –sempre as hai– a maioría dos clubes comprenderon que a violencia non é boa para o negocio e decidiron restrinxir case todos os privilexios cos contaban estes grupos ultra no pasado.

L.T.: Por fortuna teñen un poder en notable decadencia en España. Durante anos se protexeu a súa presenza porque achegaban algo importante nun clube: cánticos, espectacularidade, presenza nas gradas. A cambio, exercían un poder sobre xogadores e clubes. O perigoso dos grupos ultras e que se valen do fútbol para impoñer unhas ideas que trascenden o futbolístico, existe un componente político moito más importante que o futbolístico. É máis, moitos grupos ultras odian o fútbol como tal.

Respondestes a preguntas como estas: “O fútbol libera ou adormenta ás masas?”. Que credes?

R.F.: Non sei se libera pero teño bastante claro que non adormece. Os tempos do pan é circo quedaron felizmente atrás. Se algo ten a sociedade actual é que ninguén cala ou mira cara outro lado ante o que considera inxusto, comprobámolo a diario nas redes sociais.

L.T.: Na liña da primeira pregunta eu opino que libera. É liberador ter un espazo no que abandonar preocupacións durante dúas horas. Aínda que pode pasar que as preocupacións sexan o propio fútbol.

Existe no fútbol liberdade de expresión?

R.C.: Existir, existe. Outra cousa é que os seus protagonistas mostren máis ou menos interese en exercela e as reaccións que poidan provocar ditas opinións.

L.T.: Penso que pouca. Os xogadores son máquinas creadas por e para competir, e en poucos casos poden trascender da misión para a que “foron creados”. Viven nunha burbulla xigantesca. Dicía Pablo Aimar nunha entrevista en El País que cando van a un aeroporto, nin sequera pasan eles o seu pasaporte. Os poucos que se atreveron a expresar as súas ideas políticas non saíron demasiado ben parados. Pero tamén penso que é un erro esixir nun xogador de fútbol algo que non farías noutra personalidade pública.

Que ten que ver o fútbol coa identidade sexual?

R.C.: Difícil sabelo. Algo pasa, parece evidente, pero non chego a comprender o motivo polo que o fútbol se está a quedar tan atrás respecto da sociedade neste sentido, cando menos en países como España. Noutros, como Italia ou os países do leste, sería máis fácil de explicar: son sociedades eminentemente homófobas e o fútbol non fai máis que demostralo.

L.T.: O fútbol, desgraciadamente, ten moito que facer aínda no terreo da liberdade sexual. Existe, opino, unha percepción unitaria e tóxica sobre a masculinidade. O fútbol continúa a asociarse erroneamente á masculinidade. É por isto cando un xogador mostra algún trazo minimamente feminino, un sector da bancada, aínda que cada vez menos, chámalle “maricón”. Nos vestiarios, os nenos revísanse mutuamente. É importante que haxa máis referentes para que se cree unha contorna de seguridade. Os medos e os comentarios homófobos seguen estando moi presentes. Pero curiosamente, mentres se tende a pensar que todo atleta home é heterosexual, ou que a homosexualidade no deporte ten automaticamente que ver coa feminidade (se es atleta homosexual parece que non podes ser masculino), tamén persiste a concepción de que se es deportista muller es lesbiana. É dicir, que os estereotipos aquí funcionan á inversa.

Que paralelismo ten coa relixión? No seu día xa se falou da ‘man de Deus’ e Maradona.

R.C.: Eu téñolle máis fe a Messi ou Guardiola que á Virxe do Carme, pero iso tampoco quere decir gran cousa, supoño.

L.T.: Existe a fe, a crenza cega nun equipo, a adoración do ídolo. Pero penso que o fútbol consegue algo no que fracasa a relixión e a política: a sua universalidade. Mentres moitos líderes relixiosos e políticos son locais, o fútbol é unha lingua universal, chega a todas partes.

A sección de Deportes dos informativos é, en xeral, bastante penosa e rosa, polo menos para min. Devirtúase a imaxe do deporte e, sobre todo, do fútbol?

R.C.: Pois seguramente si, sobre todo nos de ámbito nacional e moi especialmente nos de naturaleza privada. Na TVG ou na Radio Galega, sen embargo, son impecables... Ou iso me parece a min.

L.T.: Hai de todo. Á vez que hai programas que tiran da parte do fútbol máis morbosa, tamén existen cada vez máis aproximacións de pensadores e escritores ao mundo do fútbol, coma a revista Panenka, revista Líbero, etc. Historias hai para contar, dende logo.

E que me dicides dos faladoiros...? Onde se mestura moitas veces o peor de cada casa

R.C.: O modelo Sálvame trasladado ó fútbol, un espectáculo contra o que non teño nada malo que dicir, salvo que iso non é periodismo e, a menudo, tampouco fútbol.

L.T.: Penso que si existen é porque teñen un público que os demanda. Obviamente non é o exercicio periodístico ideal, pero se o afeccionado o consume, ¿toda a responsabilidade é unicamente do creador?

06 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.