Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Metáfora sen moralimos sobre a urxencia do ollar e dos afectos

A docente e escritora Marina Núñez (Barcelona, 1990) e o ilustrador Avi Ofer (Israel, 1975) obtiveron o Premio do Conto Infantil Ilustrado Hospital San Joan de Déu 2019, galardón atribuído ao título Miles de Universos. É esta mesma parella quen asina o álbum Atrapamiradas, obra finalista do XII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, publicado este ano en galego na colección Demademora pola editorial pontevedresa Kalandraka, e tamén en castelán, catalán, euskara, portugués e italiano.

Cun rexistro verbo-icónico moi delicado, trata un tópico actual, unha preocupación que parece dominar o cotiá de moitas crianzas: a hexemonía dos dispositivos electrónicos, de pantallas ou dixitais, en detrimento das vivencias próximas e afectivas, da interacción e das olladas dos demais.

Vera é a representante daqueles -pequenos ou grandes- que desexan inverter esta situación e que pretenden que todos volvan a contemplar “as cousas máis marabillosas que ha no mundo”. Entón decide actuar, tendo como aliada “a única persoa que sabía que a podía axudar”: a súa avoa. Xuntas, idean un plan que dá como resultado a perfección. Finalmente, Vera recupera non só a ollada, senón tamén os abrazos da súa familia.

Cunha acción lineal, protagonizada por un número reducido de personaxes, e narrada nun rexistro sinxelo, máis expresivo, este álbum distínguese desde a perspectiva visual pola lixeireza e rapidez do trazo e pola suavidade cromática.

Bela metáfora dos días que corren, Atrapamiradas, sen moralismos, mais cunha manifesta sensibilidade, apunta o dedo e suscita inevitablemente a reflexión. E non é así como debe ser un bo libro para a infancia (que é, ao final, para todos)?

sara_silva@ie.uminho.pt

23 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito