Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Metaverso

    Metaverso é un palabro raro, un palabro que, por ser moi recente e soar ambiguo, precisa de interpretación, moito mellor se vén certificada de man dun competente filólogo, como quen subscribe... Pois é o caso que, como tantísimos outros tecnicismos, o palabro nace, por suposto, do grego e está composto do prefixo meta, en orixe unha preposición que vale ‘alén de’ ou, con menor propiedade, ‘despois de’ e se usa para designar un concepto abstracto baseado no propio concepto, é dicir ‘alén do propio concepto’. Vaime vostede entender moi ben con dous exemplos: usamos unha metalinguaxe cando nos referimos a aspectos da propia linguaxe, é dicir, toda gramática é, stricto sensu, unha metalinguaxe; coa eclosión da comunicación dixital, por outra parte, popularizáronse de xeito extraordinario, polo seu valor en termos de impacto e visibilización dos recursos, os metadatos, é dicir os datos sobre datos (por exemplo, o nome do autor, a editorial, o ano de edición, o título e as palabras chave do artigo dunha revista científica dixital).

    A min, en principio, metaverso sóame como a certa obrigación (educada, pois usa do tratamento de vostede) de introducir un verso nun poema, algo así como meta o verso. Pero, claro, fóra coñas, a cousa vai de algo ben distinto. Na súa construción, o novelista americano Neal Stephenson, inventor do palabro en Snow Crash (1992), recorreu ao procedemento, moi común (viñoteca, gastrobar, informática...), coñecido como acronimia e, así, de meta e universe saíu metaverse, é dicir, metaverso, un universo alén do universo, ou sexa, paralelo ao universo, onde nós non seriamos nós senón unha representación ideal de nós, representación á que, tirando de mitoloxía hindú, chamamos co moi fermoso nome de avatar.

    De seu, a tecnoloxía non é boa ni mala. Un boli bic é un marabilloso instrumento para a escritura a man (exercicio, por certo, cada vez máis dado á nostalxia de tempos pretéritos) pero pode servir tamén para saltarlle un ollo a alguén. Unha app ou rede social que une familiares ou amigos separados por milleiros de quilómetros, onde comparten recordos, fotos e conversas, é sen dúbida unha tecnoloxía prodixiosa. Pero cando un pederasta a usa para os seus torvos designios, convértese no más abominable vehículo da maldade.

    O malo da tecnoloxía, penso eu, é que, nun determinado momento, deixamos de preguntarnos por que se o como funciona. É certo: a realidade virtual ou aumentada, froito do extraordinario desenvolvemento da internet 5G, permite a creación dun universo paralelo, situado nun cibermundo de bits e algoritmos, onde nós somos os avatares gráficos de nós. Unha tecnoloxía de certo indistinguible da maxia permite crearmos universos dixitais no que, como nos paraísos dos antigos, as árbores secretan mel, os nosos avatares gozan da perfección da que nós, pobres humanos, carecemos e o mundo é un lugar perfecto e feliz. A pregunta, de novo, é por que. Será que o universo, onde existen Ucraína, o valado de Meilla, a fetidez de alento, Trump, as almorranas e a rutina, é unha cousa molesta, imperfectamente humana e aspiramos, porque a pura tecnoloxía o permite, a un metaverso no que enganar as nosas frustracións e miserias? O primeiro metaverso do que hai noticia fidedigna é o que creou don Alonso Quijano, fidalgo da Mancha, para dar renda solta aos seus soños imposibles de cabaleiro andante. E así lle foi.

    02 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.