Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Miguel Anxo Seixas completa a gran biografía de Castelao

Recolle todo o material que se atopaba en mans privadas e era descoñecido ou ignorado e amósase a xeito de diario da súa vida

Onte presentáronse os outros dous tomos (de 1931 a 1939 e de 1940 a 1950) no Museo no Pobo Galego Castelao. Construtor da nación, a biografía máis completa que existe ata o momento do intelectual galeguista, unha obra do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane que consta de tres tomos e que coeditaron o Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia.

O primeiro volume, que abrangue de 1886 a 1930, presentouse en 2019. No acto de onte estiveron, ademais do autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.

Nesta ampla biografía, que suma un total de 3.919 páxinas, recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.

Trátase dunha biografía monumental concibida por Miguel Anxo Seixas como un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, os libros ilústranse con fotografías que mostran diferentes momentos da traxectoria de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.

Este conxunto de publicacións é o resultado do labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación ao redor da figura de Castelao.

O autor plasma, de xeito moi pormenorizado e rigoroso, aspectos ignorados ou esquecidos de Castelao e analiza todo o que se escribiu sobre el “para tentar facer esa biografía pendente”.

Nesta liña, cómpre ter en conta que Castelao estivo vetado pola ditadura ata 1975 e en parte oculto ata 1984.

O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida”, indica.

“El creou unha poderosa imaxe de Galicia, unha imaxe que nos doou e que sobreviviu, e que cómpre analizar con rigorosidade. Pero a nós interésanos Castelao na súa integridade e na complexidade das súas relacións”, salientou o autor.

Desta obra existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita, de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami.

23 feb 2022 / 19:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.