Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Misterios para non dormir cunha historia que fomenta a inclusión

A editorial Rodeira vén de engadir un novo título á súa colección Tucán verde para lectorado a partir de dez anos. Trátase de Somnámbulos, unha historia do escritor e guionista Carlos Vila Sexto (A Coruña, 1977). A obra foi traducida ao galego por Belén Rodríguez Suárez e conta coas ilustracións de José Luís Ocaña.

Dani é un rapaz de once anos que estuda na Escola Rosalía de Castro dos Peares, lugar onde vive cos seus pais. Un tráxico acontecemento sacode a cotiandade nesta escola, e é a desaparición dun dos seus alumnos, Marcos Portela, que ten unha importante repercusión mediática. En paralelo a este suceso, Dani empeza a experimentar curiosos episodios de somnambulismo. Ademais, bota moito de menos ao seu avó, recentemente falecido, co que sempre falaba de meigas. Ante este cúmulo de situacións desacougantes e tendo en conta as historias de meigas do avó, comeza a sospeitar que no seu somnabulismo se atopa a chave do misterio da desaparición de Marcos Portela. Contando coa axuda de dous compañeiros, empeza a desentrañar este misterioso suceso: latas de refresco esmagadas, pingües ras e un encoro serán as pistas que os poñerán trala pista de Marcos. Mais o reloxo corre na súa contra, ante a ameaza dunha inminente inundación no río Miño, o rescate do pequeno Marcos pende dun fío. Resulta especialmente interesante o tratamento da diversidade en fomento da inclusión nesta historia, e é que Marcos Portela é un neno con autismo. A través das reflexións do protagonista segundo paseniñamente vai descubrindo esta condición, o lectorado axiña pode empatizar e comprender a percepción da realidade das persoas con autismo.

A xestión das emocións é un dos elementos transversais presente en toda a narración, un bo xeito para que os lectores asimilen unha boa escala de valores. Mais non é este o único punto salientable trala lectura da obra de Carlos Vila Sexto. As aventuras de Dani e os seus compañeiros permiten reflexionar tamén sobre o impacto medioambiental da actividade humana e ver como unha única acción dun individuo pode desencadear unha catástrofe que afecta a toda a contorna e mesmo fai perigar vidas humanas.

Unha certamente emocionante lectura que nos transporta á vida diaria nesta peculiar, xeográfica e administrativamente falando, aldea galega e que, ademais de promover a transmisión de valores de atención á diversidade, conxuga amizade, familia, tradición, respecto, medio ambiente e moito misterio.

inesmosquerac@gmail.com

14 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.