Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Monumentos e lugares simbólicos na súa vida e na súa obra, iluminados

    Santiago. No marco da programación institucional do Día das Letras Galegas da Xunta, unha decena de monumentos e lugares especialmente simbólicos na vida e obra de Xela Arias estarán iluminados con versos e imaxes da autora ata finais de mes. Empregando a técnica do vídeomapping, a iniciativa estará presente en centros de ensino nos que estudiou Xela Arias como o instituto IES Castelao e o colexio CEIP de Sárdoma-Moledo, ambos en Vigo, ou o Colexio Fingoi de Lugo, así como na súa vila natal, na Casa do Concello de Sarria. Tamén se iluminarán coas frases escollidas da autora a sede central da Xunta de Galicia en Santiago , o Museo do Mar de Galicia en Vigo, así como centros de especial interese das Letras Galegas e da poesía como a Casa de Rosalía, en Padrón, a Residencia Literaria 1863 na Coruña, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro situado no Mosteiro de San Salvador ou a Catedral de Mondoñedo.

    Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia visibiliza entre a cidadanía a obra da autora homenaxeada difundindo fragmentos dos seus poemas. Esta proposta inclúese na programación institucional do Día das Letras Galegas que está composta por medio cento de actividades para divulgar o legado da autora en toda Galicia con accións no eido literario, expositivo, deportivo, musical ou escénico. As actividades están descentralizadas por toda a Comunidade e terán como acto central o propio Día das Letras, na cidade de Vigo.

    No eido dixital, o Goberno autonómico tamén está a realizar estes días nas redes sociais a iniciativa Unha palabra para Xela xunto a máis de 30 académicos, familiares e amigos da autora. Trátase dun conxunto de 31 minipezas audiovisuais que conforman un retrato colectivo da autora. Conta coa participación de académicos da lingua galega, familiares e amigos e tamén doutras persoas que tiveron relación coa autora. Cada un deles, elixe en unha palabra que destaca a calidade que, na súa opinión, mellor define a homenaxeada ou retrata un trazo persoal, faceta ou obra da autora que valora especialmente. A produción conta coa colaboración da produtora Arraianos. ECG

    15 may 2021 / 23:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito