Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mulleres que co tempo se converteron en lenda

    Mulleres que co tempo se converteron en lenda

    Nos tempos de Mariacastaña é unha expresión que parece feita á medida para dicir en galego. Fai referencia a ‘fai moito tempo’, equivalente a ‘nos tempos de Matusalén’. Pero esta muller é moito máis que unha frase feita: foi unha heroína que encabezou unha revolta en Lugo contra o poder eclesiástico.

    Nada no coto de Cereixa, nas Terras de Lemos e Quiroga, a mediados do século XIV, María Castaña é coñecida por impoñerse contra o bispo lucense Pedro López Aquiar, liderando unha revolta que buscaría impoñerse contra os abusivos impostos que cobraba á cidadanía. Isto acabaría coa morte do mordomo do bispo, e tanto María Castaña como a súa familia terían que pagar unha débeda e xurar non facer fronte nunca máis á igrexa. Desta figura, que chegou en forma de lenda a toda a península, con certeza sábese máis ben pouco -máis alá de que foi real-, pero resulta fascinante como o seu nome perdurou durante os séculos dos séculos.

    Mulleres que co tempo se converteron en lenda

    Remontándonos aos tempos da Gallaecia, atopamos unha figura, cando menos, curiosa: Egeria, unha peregrina e historiadora que recorreu o mundo na época romana e de cuxa existencia só coñecimos cando, no ano 1884, o historiador italiano Gian Francesco Gamurrini descubría un manuscrito que relataba unha viaxe á Terra Santa: o Itinerarium.

    O máis curioso para época -databa do século IV- era que estaba narrado por una muller en primeira persoa, e non sería ata o século XX que se atribuiría á súa autora: Egeria. Dela sábese pouco: era natural de Galicia ou quizais das terras altas do Bierzo, e que tiña unha cultura e un saber propio da nobreza. O que sabemos é que Egeria, que narrou a súa andaina por Constantinopla, Palestina, Exipto..., deixou na historia un exemplo illado e singular da literatura hispanorromana escrita por mulleres, ou polo menos, da que se conserva. Con todo, quizais sexam das mulleres desta reportaxe, a menos coñecida e posta en valor.

    Mulleres que co tempo se converteron en lenda

    Natural da Coruña, María Pita (1556-1643) é un nome que resulta máis ou menos coñecido , sobre todo canto máis preto da Coruña nos atopemos. Curiosamente, como acostuma a acontecer, no ‘saber popular’ lémbrase un nome erróneo, xa que o esta heroína era, en realidade, Mayor Fernández de Cámara Pita. Pouco máis se sabe dela, máis alá de que naceu arredor do 1556 e que era de familia humilde, pero entón, acontece o feito que a convirtiría nunha lenda polos séculos dos séculos.

    Desembarcan na Coruña as tropas do Reino de Inglaterra, con intención de ir a Portugal, e toda a cidade se defende a si mesma. Mayor Fernández é unha desas civís na loita, que consegue facerse coa lanza da bandeira inglesa e matar con ela ao alférez que dirixía o ataque, desmoralizando ás tropas inimigas, que acaban sendo vencidas. Se ben a súa proeza non está recollida na documentación oficial, si que o está a participación fundamental das mulleres na batalla - como Inés de Ben, que morrería na indixencia.

    Mulleres que co tempo se converteron en lenda

    Unha figura vital para comprender a mitoloxía galega, sen dúbida, é a Raíña Lupa. Se foi ou non foi real non se pode confirmar, e, como as mellores cousas, queda á imaxinación de cada quen. Pero a súa figura perdura no noso saber popular coa mesma forza e nitidez coa que o fai, por exemplo, o rei Breogán.

    A ela faise referencia no Códice Calixtino, como a señora das terras ás que chega o corpo sen vida do Apóstolo Santiago. Era unha muller dona de todo o que alcanzaba a vista, soberana nunha historia fantástica, de barcas de pedra e un dragón, e que remata convertida ao cristianismo. De feito, quizais a connotación fose negativa, pois “lupa” en latín tamén era empregado como “prostituta”- no idioma actual, queda o a forma “lurpia”. O que é innegable é que a súa figura perdura como símbolo do poder da muller e da insubordinación, pódese atopar por todos os recunchos de Galicia, dende o Pico Sacro, Monte Pindo ou Ponte Candelas- onde se cre que naceu-.

    04 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito