Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Múltiples actividades polo centenario da poeta Luz Pozo Garza

O eixo central da conmemoración será a mostra ‘Constelación Luz’, que se inaugura o 9 de xuño

A programación da Xunta no centenario de Luz Pozo Garza sumará máis dunha decena de actividades entre exposicións, un espectáculo musical sobre unha das súas obras, actividades académicas ou iniciativas no eido editorial. Así o anunciaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo e Valentín García, na presentación da efeméride que se celebra este ano.

Un dos eixos centrais será a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida, coa que a Xunta arrancará a programación o 9 de xuño e dará cumprimento ao desexo da propia autora que, en maio de 2016 fixo unha doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca de Galicia e ao Arquivo de Galicia. A estes fondos sumaranse achegas de persoas próximas á autora, doutras bibliotecas e arquivos, así como a documentación audiovisual sobre a súa figura.

Está comisariada por Olivia Rodríguez e estruturada en 10 áreas nas que se fai un percorrido pola súa vida, obra e contribución á cultura. Poderá verse na Biblioteca de Galicia ata o 17 de outubro.

“Luz Pozo Garza foi unha das poetas fundamentais da poesía galega, que deixou unha enorme pegada na cultura galega. Temos o compromiso de conservar e, sobre todo, divulgar o seu legado con propostas abertas a todos os públicos, que sexan orixinais e capaces de involucrar á sociedade”, dixo Anxo M. Lorenzo.

Valentín García recordou que a súa poesía percorre o século XX e “adquire alcance e proxección universais, ao tempo que se afianza no seu compromiso con Galicia e coa súa lingua”. E o Centro Ramón Piñeiro publicará a edición facsimilar da revista Mensajes de Poesía, dirixida no seu tempo por Eduardo Moreira coa participación decisiva de Luz Pozo Garza e coa autoría dos investigadores Luis Alonso Girgado, Armando Requeixo, Tamara Andrés e Manuel Naveira.

Trátase dunha das publicacións máis importantes da Galicia da posguerra que se recuperará nesta edición especial e na que escribiron voces da poesía como Vicente Aleixandre, Álvaro Cunqueiro, Carmen Conde, Pura Vázquez, Ánxelo Fole ou Blas de Otero, entre outros.

A programación completarase con actividades paralelas, entre as que destacan as xornadas Constelación Luz. Desenvolveranse na Cidade da Cultura e incluirán conferencias e mesas redondas coa participación de distintos expertos na súa vida e obra.

E se publicará un catálogo que documentará o resultado da mostra central coa participación de Carmen Blanco, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antonio Deaño Gamallo, Víctor F. Freixanes, Pilar García Negro, Aurora López, Olga Novo, María Novo, Manuela Palacios González, Andrés Pociña, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez González, Mónica Vázquez Porto e Darío Villanueva.

Ademais, coincidindo coa data exacta do nacemento de Luz Pozo Garza, o 21 de xullo, terá lugar un concerto musical e literario Sol de Medianoite. Celebrarase no Auditorio Fontán da Cidade de Cultura e correrá a cargo dun elenco musical vinculado á Orquestra Sinfónica de Galicia, integrado exclusivamente por instrumentos de corda.

Serán 12 cancións sobre o libro homónimo da autora para mezzosoprano e orquetra con lectura de extractos do texto. As homenaxes terán unha pegada no eido audiovisual. Presentarase e proxectarase o documental Na procura da luz, realizado pola fotógrafa Rosa Taboada cun percorrido pola súa vida e obra e incorpora testemuños de persoas próximas a ela.

Luz Pozo Garza iniciou o seu labor editorial en Nordés, revista de poesía e crítica da que foi directora. Formou parte da RAG e do Centro PEN de Galicia. Os premios Tomás Barros de ensaio, González Garcés e Letras de Bretaña, así como o da Crítica Española e a Medalla Castelao son algunhas das distincións coas que foi recoñecida.

24 may 2022 / 16:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.