Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Arancha Estévez / Autora de ‘María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida’

“Na súa condición de refuxiada, María Casares atopou un modo de vida sobre os escenarios”

“Ela dicía: ‘Con Galicia nunca me puxen en orde. E quero estar en desorde’. Nunca deixa de falar de Galicia e nunca perdeu o acento da Coruña”

Xornalista de formación, Arancha Estévez (Vigo, 1973) forma parte da primeira promoción saída da Facultade de Xornalismo de Santiago. O seu paso polo semanario A Nosa Terra espertou nela una paixón desmedida pola figura de María Casares, galega que, a pesares de triunfar en Francia, foi até hai ben pouco unha gran descoñecida en Galicia. Para dala a coñecer entre aos galegos, hai 23 anos publicou unha biografía da actriz que agora sae reeditada con actualizacións do seu contido e novas fotografías da vida desta esquecida muller.

De onde partiu o teu interese pola figura de María Casares?

A finais dos noventa traballaba como xornalista no semanario A Nosa Terra, que contaba cunha editorial especializada na recuperación da memoria histórica e do exilio galego. Formulouse a necesidade de contar a vida das mulleres exiliadas, dobremente silenciadas. Algunhas referentes nos seus ámbitos. Era o caso de María Casares no teatro europeo ou o de Maruxa Mallo na arte. Esas foron as escollas para poñer a andar a colección. Eu encargueime de María Casares, da que xa estaba namorada tras ler as súas memorias tituladas Residente privilexiada, e a xornalista Carme Vidal, de Maruxa Mallo.

Durante a túa investigación para documentar a obra, que foi o que máis che chamou a atención da figura de Casares? Esa anécdota que lle contarías a calquera que non a coñecese para que se fixese á idea de como era a súa personalidade...

Cáusame admiración que unha rapaza, precoz si, pero unha rapaza ao fin e ao cabo, que cumpre 14 anos no exilio, sexa quen de triunfar nos escenarios franceses só cinco anos despois. Ela e a súa nai, Gloria Pérez Corrales, chegan en novembro de 1936 a Francia despois de que o seu pai, Santiago Casares Quiroga, decida que teñen que saír xa de España vía Barcelona. Ela chapurrea catro palabras de francés, pero pelexa co idioma, intenta deixar atrás o vivido até aquel momento e adáptase a unha nova vida. Apenas encetada a década dos 40, xa todo París fala da debutante que se transforma no escenario. Aprende a vivir con poucos cartos e cun documento de refuxiada. Domina un idioma alleo até facelo seu. As aulas de arte dramática, a dura experiencia como estranxeira no Conservatorio, a guerra en Europa e a ocupación alemana. O sentimento persistente de desarraigo e, case sen decatarse, o éxito. Un proceso de moi poucos anos, que non deixa de sorprenderme.

Como dirías que determinou a súa traxectoria vital e profesional ser filla de Casares Quiroga, ministro e xefe de Gobierno da II República?

Diría que completamente. Por unha banda, sempre dixo que o seu pai era un home referencial na súa vida, que representaba a dignidade e que inculcou nela o gusto pola lectura, pola cultura, pola liberdade. E, por outra, María Casares levou durante moitos anos unha carga de representación simbólica da II República e de todas as persoas que se viron expulsadas de Galicia e España. Ser filla de quen era levouna a estar sempre dispoñible para as causas do exilio. Cando chega en 1957 a Bos Aires, dentro dunha xira latinoamericana co Teatro Nacional Popular francés, a acollida da comunidade exiliada é tal que o director do TNP, Jean Vilar, racha unha das normas da compañía e permite a María Casares saír soa ao escenario ante a aclamación popular.

Cunha vida tan apaixonante, o certo é que até hai pouco María Casares non era unha figura moi coñecida en Galicia. É outro exemplo de muller silenciada na historia?

Entre as persoas represaliadas e exiliadas tras xullo de 1936 imos atopar vidas e obras brillantes, de servizo á comunidade e inxustamente descoñecidas. A dela é unha desas, pero hai outras moitas máis ocultas: Isabel Ríos, María Miramontes, Amparo Alvajar, Syra Alonso, Mariví Villaverde, Placeres Castellanos, María Araúxo, Mariluz Morales, Mercedes Núñez...

Como a definirías como actriz?

En Francia é venerada, aínda hoxe. Unha actriz todoterreo, consagrada como gran tráxica desde os seus inicios na profesión, pero que nunca dubidou en experimentar, cambiar, arriscar. Interpretou os grandes papeis clásicos pero apostou por novos autores sempre. Por exemplo, traballou con Camus nas súas primeiras pezas de teatro nos anos 40 e, xa cando era unha actriz consagradísima nos anos 80 e 90, embárcase coa nova fornada de dramaturgos, algúns deles chegados a Francia desde unha América Latina convulsa. Ou nos anos 60 cando descobre o pracer de bailar no escenario co coreógrafo Maurice Bejart. Sempre dicía que cambiar era obrigado, que non había que acomodarse. A popularidade de María Casares fai que axiña o mundo do cinema se fixe nela. Na década dos corenta do século pasado participa nalgúns dos filmes emblema da cinematografía francesa como Les enfants du paradis, considerado o mellor filme francés de todos os tempos, Las dames du Bois de Bologne e Orphée. Calquera podería pensar que o cinema ía seducila, pero non. María Casares defende a súa forza como actriz para construír as personaxes. E no cinema, esa forza, pensa ela, reside case sempre na cámara, non na interpretación.

Entre a edición da primeira biografía e esta, de Aira Editorial, que coincide coa conmemoración do centenario do seu nacemento, transcorreron máis de 20 anos. Serviron para facer xustiza con María Casares?

Non diría tanto, pero si é verdade que o seu legado hoxe está máis vivo que cando se publicou o libro por primeira vez, en 1999. Ela morre en 1996 e dende aquela a verdade é que se dan feitos moi interesantes para recuperar a súa memoria. A investigación levada a cabo por María Lopo, a publicación en Francia da correspondencia con Albert Camus, ou a súa memoria en Alloue (Francia), na Maison Maria Casarès, a finca que deixou en herdanza a este pequeno concello francés e que hoxe é un centro cultural moi vivo. E, por suposto, os premios de teatro de Galicia, que dende a súa creación, en 1997, levan o seu nome.

Como foi a acollida daquela primeira edición e como está a ser a desta? Que novedades introduce?

A nova acaba de chegar ás librarías, agardo que funcione moi ben e que esperte interese neste ano de celebración do centenario. Non hai grandes cambios respecto da publicada en 1999, se ben se actualiza con aqueles proxectos e iniciativas que xorden neste 25 transcorridos desde o seu falecemento. E ten unha selección de imaxes marabillosa.

Foi María Casares unha muller adiantada ao seu tempo? Dende moi nova pisou os escenarios franceses como se levase toda a vida sobre eles...

Aquí vou dar unha resposta moi persoal. Claro que foi unha adiantada e para min como muller unha inspiración e referencia permanente. Unha muller que se identifica plenamente co seu traballo como actriz, que atopa na súa condición de refuxiada un modo de vida sobre os escenarios. A xente que traballou con ela recorda a súa xenerosidade e a súa risa permanente. Libre nas súas escollas e respectuosa coas súas raíces, coas ensinanzas familares, coa súa educación, coa cultura, coas persoas desprazadas....

Nunca deixou de enxalzar a súa terra aínda no exterior, non si?

Ela di nas súas memorias de 1980: “As imaxes de Galicia ficaron intactas”. Anos máis tarde, nunha entrevista con Manuel Rivas, di: “Con Galicia nunca me puxen en orde. E quero estar en desorde. É a infancia”. Ela volve a España cunha obra de Rafael Alberti no verán de 1976; nesa xira reencóntrase con moita xente e nun principio esa xira debería ter chegado a Galicia. Pero na primavera de 1977 en Barcelona ela cae enferma e volve a Francia. Algo quebrou aí para sempre, foi unha experiencia un tanto frustrante para ela. A actriz sitúa todo na infancia, en Galicia, nunca deixa de falar de Galicia e nunca perdeu o acento da Coruña.

Es tamén comisaria dunha exposición que está a percorrer as cidades galegas e na que se poden ver imaxes que dan conta de como foi a súa vida. Cal é o seu obxectivo?

Este ano é un ano de regalos e a Xunta encargoume comisariar unha mostra itinerante e exterior que neste momento está en Ferrol, tras pasar por Santiago, e que chegará a Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra até o mes de outubro. Co título ‘100% María Casares. O teatro é o refuxio’ comparte co libro do que estamos falando a súa vontade de divulgación. De que calquera persoa, coñeza ou non a personaxe, sinta interese pola mostra ao atopala pola rúa. E as imaxes recollidas son relevantes para espertar interese, algunhas delas descoñecidas. Eu escollería unha: María de bebé en 1923 no colo da súa irmá Esther, xa mociña.

06 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito