Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nace #Igualdadefollowers con dezasete ‘influencers’ que visibilizan a igualdade

Xunta e APG lanzan a campaña de redes sociais para sensibilizar na diversidade, discriminación e loita contra a violencia de xénero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe unha nova edición da campaña #igualdadefollowers, na que a Xunta, un ano máis, recurrirá ao efecto multiplicador das redes sociais e a persoas con influenza nelas, para trasladar á sociedade -sobre todo ás persoas mozas- mensaxes contra a violencia de xénero, a prol da igualdade,
e contra as discriminacións.

Dezasete persoeiros do mundo do deporte, a moda, o xornalismo, a investigación ou as artes, participarán na iniciativa que, tal e como reflectiu a conselleira, buscou recompilar testemuñas de personaxes relevantes desde unha óptica multidisciplinar “para que, coa súa voz, criterio e experiencia, conseguisen chegar a transmitir o que a Consellería de Promoción do Emprego e a Igualdade fai co seu traballo diario”.

O Goberno galego aproveita a eficacia demostrada que teñen as Redes Sociais, para aproveitala e comunicar cuestións de transcendencia relacionadas coa igualdade entre mulleres e homes, a loita contra a violencia de xénero, a reivindicación de dereitos e liberdades, a reeducación sobre estereotipos moi prexudiciais, a maior tolerancia á diversidade, o rexeitamento absoluto á discriminación.

“Son moitos os retos e as cuestións latentes de carácter estrutural ás que debe facer fronte nosa sociedade, e as redes sociais poden ser unha moi boa ferramenta para achegarse a temas sensibles ou conflitivos dun xeito amable e pouco invasivo, sobre todo no que a mocidade se refire”, especificou Lorenzana. A conselleira fixo un chamamento á xente nova xa que, como destacou, segue sen recoñecer de pleno a violencia de xénero na contorna dixital “normalizando o control das parellas a través de dispositivos móbiles, influíndo seriamente nunha situación de maltrato psicolóxico, e establecendo roles de poder diferentes que adoitan situar ao xénero feminino nun estatus inferior ao masculino”.

Por este motivo a Xunta conta nesta campaña con persoas referentes, para que as e os guíen e lles expliquen como identificar, primeiro, e despois como combater as desigualdades que aínda persisten.

A campaña desenvólvese en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia e contará coas contribucións de persoas con ampla presenza en redes que suman milleiros de seguidores: Omaira Marcos, Adiaratou Iglesias, Manuel Jabois, Ana Freire, Eva Porto, Paola Freire ou Héctor Castiñeira, entre outros.

02 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito