Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 28 junio 2022
03:03
h

Nace TeCe Redes en Galego, un novo fondo de proxectos culturais

A iniciativa pretende fornecer de materiais un programa de dinamización lingüística familiar

A Xunta convoca a primeira edición de TeCe Redes en Galego, o novo repositorio de proxectos dixitais e servizos presenciais creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

Dotada cunha cantidade inicial de 500.000 euros, esta iniciativa nace co obxectivo de fornecer de materiais e actividades un programa de dinamización lingüística e de transmisión xeracional dirixido a un público infantil, xuvenil e familiar.

Así o anunciou en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou que se amplía así o fondo “despois da acollida recibida nas edicións anteriores” pero centrada, desta volta, en dinamizar o uso da lingua galega na infancia e na mocidade, para “favorecer unha asociación positiva dos nenos e da xuventude coa lingua mediante actividades dinamizadoras atractivas e tamén a través dos novos espazos do universo dixital e audiovisual”, indicou.

TeCe Redes en Galego incorpórase como una nova sección dentro do Fondo Xacobeo 21-22, co fin de “transmitir, comunicar e tecer redes”. Este último termo, que lle dá nome á convocatoria, refírese tanto á canle dixital de comunicación social como á manifestación da actitude colectiva de tecer redes susceptibles de estender o vínculo afectivo co idioma galego e de crear unha comunidade, cada vez máis ampla, de persoas novas.

A diferenza das anteriores convocatorias do fondo, que incluían a modalidade de proxectos materiais, as propostas presentadas poderán ser unicamente presenciais (orixinais e inéditas ou non), dixitais (orixinais e inéditas) ou mixtas e a contía máxima que poderá recibir cada un deles será de 10.000 euros.

Todas aquelas empresas, cooperativas e profesionais do sector cultural, creativo e artístico vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega no desenvolvemento da súa actividade poderán presentar as súas solicitudes entre os días 9 e 25 de abril a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

Outra novidade é que a solicitude, da que pode verse un modelo anexo I da convocatoria, non se presenta a través do procedemento PR004A, senón que se elaborará a través da aplicación web no Portal da Lingua Galega.

O que se mantén é a incompatibilidade das iniciativas con outras axudas da Xunta ou doutras entidades para o mesmo proxecto, co fin de poder chegar ao maior número de beneficiarios posibles.

Analizaranse ata un máximo de 500 proxectos.

As bases completas poderán consultarse no Portal da Lingua Galega. Ademais, as persoas interesadas poderán dirixir as súas dúbidas e consultas ao teléfono 687 041 884 ou ao correo electrónico tcr-galego@xunta.gal.

07 abr 2022 / 16:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.