Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 28 febrero 2021
03:03
h

Nevaradas da borrasca ‘Filomena’ e cambio climático

Para a maioría das persoas o cambio climático vai asociado a unhas temperaturas cada vez máis quentes. Por iso, todo o mundo se lembra del cando acontece unha vaga de calor ou sobrevén unha seca intensa. Pero tamén, desde hai uns anos, estase a confirmar, cada vez con máis datos e consistencia estatística, que tamén están a ser cada vez máis frecuentes, pola súa causa, os episodios climáticos térmicos extremos. E cando se fala de situacións extremas, estámonos a referir a que están a medrar tanto as vagas de calor intensas como as moi frías. Hai só unha década esta posibilidade considerábase como unha hipótese plausible, pero hoxe a maioría dos rexistros térmicos do planeta estánnos a confirmar ese comportamento.

Como é posible que poda acontecer algo que semella contradicir o sentir común? E que nevaradas intensísimas, como as que trouxo a Filomena, poidan ser compatibles co feito de que este nefasto ano 2020 que vimos de deixar, fose o máis quente de todos os tempos en Europa? Ten sentido este paradoxo?

Pois si, xa que hai boas razóns científicas para xustificalo. Para entendelas temos que reparar nesa Corrente en Chorro da que depende en boa medida o clima do noso hemisferio. Esa corrente de aire que circula a grande velocidade pola estratosfera e que, ás veces, aproveitan os avións para acelerar a súa viaxe, pode adoptar a forma dun círculo case perfecto, que lle dá a volta á terra, ou ben pode asemellarse a un río con moitos e pronunciados meandros. No primeiro caso, os xeógrafos do clima falan dunha circulación “zonal”, que no caso de Galicia normalmente se traduce en anos chuviosos e de temperaturas moderadas, mentres que no segundo, se fala de circulación “meridiana”, e neste caso os anos son secos e de temperaturas extremas, moi frías ou moi quentes.

A segunda cuestión importante é que se a velocidade da Corrente en Chorro diminue, vai a impoñerse a configuración de río con moitos meandros. Aquí, entraría o papel que xogan as temperaturas da terra e o cambio climático que todos coñecemos, xa que a velocidade dese chorro de aire vai depender, sobre todo, da diferenza de temperatura que existe entre as zonas polares e as de latitudes máis baixas, tropicais e subtropicais (as xustificacións físicas desta relación son bastante complexas, polo que non podo entrar nelas, pero para quen teña curiosidade, remítoo ao artigo de Mann ME et al. en Nature do ano 2017). Pois ben, os rexistros climatolóxicos da terra estannos a dicir que a temperatura das zonas polares se quenta como dúas veces máis rápido que as das zonas de latitudes máis baixas (tropicais e subtropicais), polo que a diferenza entre elas vai ser cada vez menor.

En consecuencia, menos diferenza entre as temperaturas polares e as tropicais-subtropicais inducen unha corrente en chorro máis lenta que, a súa vez, tende a presentar con máis frecuencia a configuración de río sinuoso que, finalmente, remata en episodios con temperaturas extremas, moi quentes ou moi frías, mesmo como as que estamos a padecer nestes días.

O clima ten relacións moi complexas e paradoxais para as que non temos, ás veces, explicacións convincentes. Pero neste caso, si que estamos a dispoñer dunhas teorías robustas, que os últimos datos non están máis que a confirmar. Sintoo polos negacionistas do cambio climático, que van ter que esquecer estes argumentos para seguir a manter as súas peregrinas posicións.

23 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.