Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 16 enero 2021
02:30
h
Entrevista a María Vázquez Martínez, ilustradora e deseñadora coruñesa

“No mundo da arte, penso que a clave está en ter presenza constante e ser auténtico”

“Verme un pouco forzada polas circunstancias poderiamos dicir que me beneficiou a nivel profesional, por todo o que aprendín estes meses e perderlle o medo a emprender”

María Vázquez Martinez (IG: @marrancia) ou Marichu, como a chaman os seus amigos, é unha artista coruñesa que leva anos subindo os seus debuxos e ilustracións a plataformas como Instagram, e que comezou máis recentemente a introducirse no mundo da moda, deseñando e confeccionando ela mesma todo tipo de prendas.

O seu estilo é moi personal e atractivo, caracterizado por representar nas súas ilustracións escenas cotiás dun xeito moi detallado e colorista, ademáis recentemente comezou a incluír prendas deseñadas por ela nos seus debuxos.

No seu Instagram podemos atopar todos os seus traballos, dende as súas ilustracións das que tamén vende láminas, ata toda a roupa creada e confeccionada por ela, onde atopamos sobre todo unha gran variedade en máscaras e bolsas feitas con moitas telas diferentes que dan lugar a combinacións moi estéticas e coloridas.

Cómo comezaches a introducirte no mundo do arte? e no mundo da moda e o deseño?

Dende pequena quixen ser deseñadora de moda, sempre fun unha persoa creativa e cando rematei Secundaria fixen Bacharelato artístico xa con idea de estudar deseño. Estudei na EASD Mestre Mateo en Santiago de Compostela, onde rematei fai dous anos. Os estudos non foron o esperado xa que eu buscaba un enfoque e aplique máis creativo da moda, non tanto de cara a traballar na industria do “fast fashion”, que consiste en capturar tendencias e producir roupa a un ritmo vertixinoso. Aínda así diría que aprendín un montón de cousas útiles e a mellor práctica de todas foi crear a miña primeira colección, que é no que consiste o proxecto final.

En que consistiu a túa colección?

Fiesta de la siesta é unha colección que recrea con estilo artificioso a típica festa de pixamas, na que cada estilismo está inspirado nunha personaxe do meu grupo de amigas. O estilo das prendas vai dende pixamas clásicos a pixamas infantís, e conta cun montón de mezclas e estampados divertidos, encaixes e prendas recicladas. Todas a pezas da colección están feitas a partir de prendas deterioradas ou que caeran en desuso (por exemplo, unha bata feita a partir de dous toquillas de bautizo). Conta tamén cun montón de complementos como bolsos, zapatos, xoias, almofadas, mantas, etc. Dende o principio tiven claro que quería que estivese moi ligada ao meu traballo de debuxo, polo que procurei dar vida a escenas e personaxes que creara na ilustración para esta colección.

Cando comezaches a coser?

Pois hai apenas uns meses. Tiña nocións básicas de costura, pero era algo que me gustaba máis ben pouco. Sempre que tiven que coser algo contei con axuda profesional, ata que no confinamento me animei a confeccionar uns vestidos que tiña deseñados para a miña colección e collinlle o gusto. Despois co tema das máscaras a máquina de coser converteuse na miña principal ferramenta de traballo. Agora penso que coser é moi doado pero é algo que ata que comecei a facer de cotío resultábame complicadísimo.

Tes un estilo totalmente único, quen son os teus referentes artísticos e como te inspiras?

Que complicado! Hai tantos artistas e persoas que me inspiran. Creo que o meu traballo esta moi influenciado pola estética kitsch e o movemento punk, pero tamén por un montón de artistas Drag (Juno Birch, Sasha Velour, etc) e iconas de estilo como Diana Spencer ou Dolly Parton.

Gran parte da inspiración a tomo de películas que me gustan, das que podería destacar os primeiros filmes de John Waters pola súa estética camp, retrato da indecencia e excentricidade.

Tes moitos debuxos de situacións cotiás cos teus amigos, sacas inspiración de pasar tempo con eles?

Sen dúbida son a miña maior fonte de inspiración. No meu caso á hora de debuxar, as escenas cotiás ou íntimas son o tema máis recurrente. Gústame incluír un montón de chiscadelas e detalles con moito significado.

“Merienda en Los Rosales”
“Merienda en Los Rosales”

Onde traballas e como che gusta traballar?

Normalmente traballo soa no meu taller de costura, pero como máis me gusta traballar é rodeada de xente creativa, tendo a oportunidade de compartir ideas e aprender doutros, polo que máis adiante gustaríame compartir espazo de traballo con outros artistas, e sempre estou aberta a colaboracións, xa que penso que na unión está a forza [ri]

E fixeches xa algunha colaboración?

Si, no ano 2017 presenteime xunto coa artista e deseñadora Teresa Búa a un concurso de deseño, a Mostra de encaixe de Camariñas, para a que tiñamos que crear catro estilismos nos que o protagonista fose o encaixe. Esta foi a primeira colaboración e colección que fixen. A nosa proposta foron uns looks moi futuristas inspirados na película O quinto elemento, coa que nos fixemos co primeiro premio. Foi unha experiencia moi emocionante e enriquecedora.

Hai uns meses sacaches unha colección de máscaras reversibles moi bonitas e orixinais, como che afectou a COVID profesionalmente?

Nun principio mal. Ata que chegou a pandemia eu traballaba nun pub polas noites, e Isto era o que me permitía financiar os meus proxectos creativos. Cando xurdiu a idea de facer máscaras e vendelas, direi que non esperaba tal acollida, foi un verdadeiro éxito, e descubrín que a miña fonte de ingresos pode vir do que deseño e produzo dende casa. Anteriormente nunca tivera unha iniciativa parecida, entón verme un pouco forzada polas circunstancias poderiamos dicir que me beneficiou a nivel profesional, por todo o que aprendín estes meses e perderlle o medo a emprender.

Tes máis cousas á venda?

Si! Aínda que agora por razóns evidentes as máscaras sexa o que máis estou a vender, teño a venda unha colección de bolsos (estilo tote bag), que tamén ofrezo personalizados por encargo. Ademáis de prints das miñas ilustracións e encargos persoais de debuxos. Proximamente gustaríame facer algo de xoiaría e uns modelos de camisetas.

Que é o que máis che gusta do proceso creativo?

Ver como as cousas van tomando forma é moi gratificante, pero sobretodo a aprendizaxe que recibo de cada proxecto, que é o que verdadeiramente me fai crecer como profesional.

Crees que no futuro poderás vivir da arte e a moda? Cales son as túas metas?

Si, creo que o abano de opcións é moi amplo e non me podo imaxinar dedicándome a outra cousa; como meta profesional direi que me gustaría crear a miña propia marca.

Ten que ser difícil abrirse paso no mundo da arte, gustaríache dar algunha mensaxe ou consello a outros artistas que tamén están empezando?

Dende a miña curta experiencia diríalles que se lancen, que lle poñan moitas ganas. Hoxe en día temos a sorte de dispoñer de todos os medios necesarios para dar a coñecer o noso traballo, e penso que a clave está en ter presenza constante e ser auténtico.

07 ene 2021 / 19:15
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.