Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 04 diciembre 2022
01:05
h

Nofumadores.org aposta pola primeira xeración libre de fume en 2025

Xunto con outras asociacións antitabaco reclaman ao goberno que reforce a lexislación a traves do manifesto ENDGAME

A finais de maio a asociación nofumadores.org reclamaba ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pular por conseguir en 2025 ter en España a primeira xeración sen tabaco. A asociación antitabaco pide que, ao igual que se fai co “diésel, o motor de combustión ou as enerxías fósiles teñen marcadas unha data a partir da cal serán residuais, o tabaco e os produtos con nicotina sigan ese camiño”. De levar a cabo esta medida España sumaríase a lista de países que xa dataron a primeira xeración libre de tabaco.

Dende o manifesto ENDGAME (Final de partida), apoiada por unhas 20 asociacións como nofumadores.org, SEPAR, ASH ou SESPAS, solicítase que se leven a cabo unha serie de medidas, tanto a curto como a medio e longo prazo, non só para o obxectivo de 2025, senón tamén para que en 2030 “chegue o final da epidemia tabáquica”. Dende este manifesto insisten, primeiro de todo, en “evitar todo aquelo que supoña unha dilación na aplicación das medidas” para eliminar o tabaco, instando a aplicalas con brevidade. Por outro lado, tamén solicitan loitar contra toda actividade que normalice o consumo de tabaco. A meta final é reducir a tasa do tabaquismo ao 2% no ano 2040. Tamén a Unión Europea insta a apostar por unha xeración libre de tabaco para 2040 no seu Plan Europeo de Loita para o Cancro.

Segundo o Informe Anual do Sistema Nacional de Salud 2019, publicado o pasado mes de abril, o 22,1% da poboación maior de 15 anos fuma a diario. A porcentaxe de homes ascende a 25,6% mentras que as mulleres chegan ao 18,8%. No caso do grupo entre 15 e 24 anos a porcentaxe sitúase no 17,6%. Galicia sitúase no 19,9%, sendo unha das comunidades con menor porcentaxe de fumadores.

Falamos con Raquel Fernández Megina, presidenta de nofumadores.org para falar da presencia do tabaco a día de hoxe, así como das mellores medidas para chegar á meta que propón ENGAME. Segundo a presidenta, con este manifesto “búscase unha prevalencia residual, establecida a nivel internacional por debaixo do 5%”. Tamén sinala que a misión ten que ser que as xeracións máis novas non teñan acceso a este tipo de produtos, pois “xa non nos vale unha xeración libre de fume, queremos que estean libres de tabaco”. “O ideal dende o noso punto de vista e que a partires dunha data, cando se chegue a maioría de idade non poidan mercar tabaco legalmente”.

Entenden que este proceso pode sufrir algún impedimento, pero que un bo comezo sería subir a idade mínima para poder adquirir produtos con tabaco aos 21 anos, pois “hai estudos que demostran que a porcentaxe de persoas que empezan a fumar a partires dos 18 anos é moi pequeno, e a partires dos 21 é ínfimo”. Polo tanto, conseguindo medidas que pasen por non facilitar o acceso de tabaco en idades temperás, consideran que sería unha das mellores formas para loitar contra o seu consumo.

Outras das medidas que propoñen para dificultar o acceso ao tabaco é que “o único punto de venta do tabaco ou produtos asociados a este, sexa o estanco”, e sinalan que o control da idade ten que ser exhaustivo, pois a día de hoxe non sempre se pide un documento que acredite a idade nestes establecementos. Xunto con esto, dende a asociación indican que tamén sería interesante que existan mecanismos que acrediten a adición ao tabaco, negando así a venta a non fumadores, impedindo que se inicien no consumo.

A presidenta da asociación nos di que a día de hoxe “existe un problema moi grande en relación á falta de concienciación de produtos que non son o cigarro. Todo o mundo sabe que o tabaco é moi malo, está asumido pola poboación en xeral, pero hai outros produtos, como o cigarrillo electrónico, as cachimbas, o cannabis... que son porta de entrada ao consumo de tabaco, especialmente en xoves”. Estas formas de consumo, que teñen unha consideración máis social seguen tendo os mesmos perigos, e sinalan que, por exemplo coa cachimba, “hai unha falsa crenza de que non é tan mala como o tabaco”, aínda que poden presentar os mesmos perigos. Este tipo de instrumentos, cada vez máis presentes en establecementos de ocio. “Aferrándonos á lei non se pode fumar en interiores, e non se cumple porque tampouco se está perseguindo”.

Dende nofumadores.org sinalan como principal culpable desta normalización de produtos asociados ao tabaco á propia industria do tabaco, que intenta vender os novos productos como menos tóxicos que as formas de consumo convencional. “A industria tabaqueira inviste neste mercado porque o seu negocio é a adicción, e o seu obxectivo son as xeracións novas, porque ten que substituír a quen xa morreu, a quen deixou de fumar... e saben que se os conseguen enganchar van ter clientes por moitas décadas, por iso é imprescindible que se equipare legalmente tabaco, cachimba,... todas as formas de consumo que teñan tabaco ou nicotina”.

Dentro das medidas que propón a declaración ENDGAME, algunhas das máis relevantes son: o aumento da fiscalidade dos produtos asociados ao tabaco, poñendo todas as formas de consumo ao mesmo nivel; o empaquetado xenérico dos paquetes de tabaco, para que perdan así o último soporte publicitario; e a ampliación das zonas libres de fume ao aire libre. “É fundamental desvincular o tabaco do ocio, empezando polas terrazas de hostelería ao aire libre” sinala Raquel Fernández..

Tamén comentan que se propón dende nofumadores.org “establecer un control nas producións audiovisuais, suprimindo calquera axuda por parte do ministerio de cultura a toda aquela que teña presencia tabaco. Tamén engadir advertencias sobre o uso do tabaco nas producións para menores de 18 anos”. Sinalan que as campañas de concienciación deben mudar, tanto na mensaxe como no medio polo que se transmiten, e realizalas por grupos de idade e xénero, e adaptándose ás novas formas de consumo audiovisual.

En canto á produción de tabaco en España, consideran necesaria a reconversión deste sector, e consideran “indecente” que no Estado aínda se siga cultivando. Sinalan que o produtor de tabaco precisa de subvencións debido a que a industria está a pagar por debaixo do custo de produción, e contan que a prohibición da Unión Europea de destinar a axudas a este sector se cumpra , acabando así coa produción estatal, pero sen esquecer ao agricultor, ao que hai que “axudar para que se reconverta a outras producións, non para que siga producindo tabaco.”

Dende nofumadores.org consideran que este tipo de medidas poden recibir moito apoio por parte da sociedade. baseándose nunha enquisa realizada dende a asociación. Os resultados deron que o case un 98% da poboación non quere que as súas crianzas sexan fumadoras, polo que verían con bos ollos os posibles cambios na lexislación que pulen por conseguir o obxectivo de que a xente máis nova non coñeza o tabaco.

Confían tamén na vontade que se mostrou en febreiro do 2020 dende o Ministerio de Sanidade, cando comezaron un diálogo para levar a cabo unha nova lexislación sobre o tabaco, aínda que esta comunicación foi paralizada pola crise da Covid-19. Aínda así, a Ministra de Sanidade Carolina Darias tamén comunicou a vontade de continuar loitando contra a epidemia do tabaco.

12 jul 2021 / 15:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito