Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Non se apagan os vagalumes da esperanza na refuxiada Amina

Celia Díaz Núñez desenvolveu nos últimos anos unha intensa traxectoria que a levou polos eidos da narrativa e do ensaio, mais tamén do teatro, especialmente no ámbito infantoxuvenil. Desta celmosa andaina dan fe obras como Cataventos e Cía (Premio Barriga Verde de Textos Teatrais 2004), Velaí vai o papaventos (2014) ou O castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna (Premio O Facho de Teatro Infantil 2016).

Á nómina anterior vén sumarse agora Unha estrela para Amina, peza coa que volveu ser distinguida co Premio O Facho do ano pasado, unha historia sobre o duro mundo das migracións forzadas por mor das guerras que aparece na veterana colección Árbore da Editorial Galaxia con ilustracións de Kristina Sabateiz.

En Unha estrela para Amina a nena deste nome xoga coa súa boneca Sally nunha noite estrelada. Esta última, que cobra vida para falar coa súa dona e converterse así nun novo personaxe, ha ser a súa compañeira de xogos e de cantos, de lembranzas do país deixado atrás e confidente das moitas arelas e temores que experimentan na súa nova situación: a reclusión das dúas, xunto aos pais de Amina e moitas outras persoas, nun campo de refuxiados do norte de África, de onde non se lles deixa saír para continuar o seu anhelado camiño cara a Europa. O diálogo entre Amina e Sally pon en evidencia a crueldade das guerras que destrúe o fogar de tantas nenas e nenos e das súas familias e a non menor inclemecia coa que moitos emigrantes forzados sofren reclusión en improvisadas tendas de campaña que se estenden en campos fronteirizos onde vagan sen solución durante tempo indefinido.

Todas estas penurias non apagan o vagalume da esperanza en Amina, quen axudada por Sally entoa cancións fermosas desas terras das que procede ela e tantas outras persoas obrigadas a deixar os seus fogares por mor dos conflitos bélicos.

Cantos e anainas entoados en árabe, ioruba, iqbo, náhuatl, lingala ou balanta recórdannos que outro mundo é posible, que o ser humano procura a paz, a liberdade, o amor e a felicidade en todas partes e que só a vesania insolidaria do chamado primeiro mundo perpetua a condena dos nosos conxéneres a un limbo de violencia e inanición.

Unha estrela para Amina é unha excelente proposta para a lectura e a representación en ámbitos educativos e non só, unha obra idónea para tomar conciencia da traxedia dos refuxiados e da necesidade de non deixar que se apague endexamais a luz da tenrura, a afouteza e a esperanza.

armandorequeixo@hotmail.com

03 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito