Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nós

    ourense, 30 de outubro de 1920. Baixo o rótulo Primeiras verbas, aparecía a declaración de intencións dun novo boletín cultural, que nacía para ledicia de todos e para enseño de moitos. Tras cincuenta liñas, o editorial pechábase cun desexo para o lector: Saúde e Terra. Ignoro se o título da revista foi ocorrencia de Risco, Pedrayo, Cuevillas ou Castelao pero abofé que, fose quen for, acertou: Nós.

    En nome deste pronome (valla a reiteración fonética), a humanidade fixo moitas burradas e causou desastres sen conto. Adolf Hitler inoculou en millóns de alemáns altos e louros o xerme de que a súa pertenza á Volksgemeinschaft (comunidade popular) facía deles a raza suprema. O seu compinche mediterráneo, Mussolini, fixou como característico reclamo do fascismo o saúdo A noi! (Para nós).

    Persoalmente, creo que do nacionalismo se pode dicir o mesmo que o xenial Perich (d.e.p.) dicía da Igrexa: o nacionalismo serve para arranxar un conxunto de problemas que non existirían se non existise o nacionalismo. A exaltación do propio está moi ben mentres, creo, esa exaltación se manteña en límites razoables. Presumir do polbo á feira como unha delicia gastronómica está moi ben pero impedir legalmente que un neno de Cuenca poida escolarizarse na súa lingua (o español) en Cataluña está moi mal. Ao cabo, entre Abascal, Rufián ou Otegui só hai gradacións dun mesmo sentimento: ser español, catalán ou vasco é algo moi especial e polo que paga a pena romper os dentes.

    Os intelectuais galegos que, no outono de hai cen anos, puxeron naquelas páxinas os alicerces do que sería un inmenso edificio cultural, crían nun nós inclusivo, entusiasta, vital, do que, tras séculos de prostración, había que sentir lexítimo orgullo. Nós era un signo inequívoco de identidade e á explotación deste signo e ao espallamento de todo o que agochaba dedicaron as súas enerxías: a música; a literatura; a antropoloxía; a arqueoloxía; o folclore; a etnografía; a arte; a historia; a sociedade... nada galego lles foi alleo. Posúo, en boa hora, a edición facsimilar completa da revista e pasma a súa monumentalidade, o seu rigor, o seu desatado amor a unha terra de labradores e mariñeiros pobres que reclamaba dignidade reivindicando unha cultura milenaria.

    Somos ananos a ombreiros de xigantes. Cen anos despois do nacemento de Nós, nun mundo hipertecnolóxico, pandémico e global, o herdo daquela mensaxe segue repousando no mesmo: en nós, na ledicia de recoñecérmonos sen excluírmos a ninguén, máis ben todo o contrario: convidando a compartir, algo que nos encanta neste confín de camiños. Unha cadea de supermercados, unha marca de cervexa, unha entidade bancaria ou unha empresa leiteira fan da identidade de nós o slogan do seu márketing. De certo que haberá cousas mellores, ho, pero vivirmos como galegos ten o seu aquel.

    14 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.