Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova exposición do CCG sobre a relación de Alfonso X e Galicia

O proxecto conta coa colaboración da Consellería de Cultura, a Deputación de Ourense e a USC// Coincide co 800 aniversario do nacemento do rei Sabio

O 23 de novembro de 1221 nacía en Toledo unha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo: Afonso X. Sobre esta figura afonda Afonso X e Galicia, o último proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago de Compostela.

A mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das Cantigas de Santa María pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo.

O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rosell é o comisario desta mostra, que se inaugurará o vindeiro 12 de xaneiro na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela, e estará aberta ata o 24 de abril, e a primeira das súas itinerancias será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

“Será unha exposición moderna, no fondo e na forma, que mostra a figura polifacética de Afonso X, de grande importancia no contexto ibérico e europeo, mais faino desde a óptica de Galicia e da súa influencia na nosa historia cultural” apuntou a presidenta, Rosario Álvarez, na presentación da mostra.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou a importancia da colaboración institucional para amosar “un proxecto expositivo que poñerá en valor a importante relación do monarca con Galicia, que ten unha das súas expresións nas Cantigas de Santa María, unha das obras da lírica medieval máis senlleiras redactadas en lingua galega”.

“A intención é presentar a Afonso como un ser humano que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos; que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou moi lonxe do seu propósito” explicou o comisario Antoni Rossell, que interveu na presentación por videoconferencia.

Na mostra poderá verse un personaxe “máis preocupado por conquistar o saber e o seu propio destino que polos límites do seu territorio. Alguén que se posiciona entre o pobo e a divindade, empregando a astroloxía para predicir o facer dos homes” engadiu Antonio Rosell.

A proposta expositiva afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media.

O relato expositivo estará en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.

Especialistas
equipo técnico

··· Antoni Rossell é un especialista en estudos comparados de literatura e música. Actual-mente é profesor da Universitat Autònoma de Barcelona e ten unha ampla experiencia como director e membro de numerosas entidades relacionadas coa cultura medieval.

··· A posta en escena recae no arquitecto Roger Badía, formado na UPC-ETSAB de Barcelona e no ZHAW Architektur en Winter-thur, desenvolveu diferentes proxectos efémeros e é un especialista en rehabilitación de patrimonio e deseño de instalacións lumínicas e performativas.

investigacións
Idade media e obras

··· Esta exposición é unha acción máis das múltiples que o CCG leva facendo en prol da investigación sobre a Idade Media, máis concretamente sobre as Cantigas de Santa María.

··· En 2003 o CCG realizou unha edición do Códice de Toledo.

··· En 2010 volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas da profesora Martha E. Schaffer.

··· Da man de Antoni Rossell, o CCG editou en 206 unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD .

O ourensán Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá tamén a mostra

Ourense. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou tamén onte na presentación, por vía telemática, da exposición Alfonso X e Galicia, que conmemorará o 800º aniversario do nacemento do rei Sabio, un proxecto “sobre un dos persoeiros clave da historia de Galicia no que destacou a súa capacidade intelectual”.

O presidente do goberno provincial dixo que a cultura “non se detén a pesares dos tempos de pandemia, e a proba e que seguimos fortalecendo lazos de colaboración entre administracións e institucións como o Consello da Cultura Galega nun proxecto como este sobre Afonso X, que será exhibido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un persoeiro que con 11 anos estaba en Maceda aprendendo galego, a nosa lingua, nese Castelo de Maceda onde naceu Xan de Novoa, o gran navegante”.

Baltar salientou que homenaxear a un rei como Afonso X, que asombrou coa súa capacidade intelectual e a súa obra literaria, científica, histórica e xurídica, e por suposto coas Cantigas de Santa María, é toda unha honra”, e engadiu que con esta exposición “iniciamos unha senda de colaboración que no futuro seguirá para desenvolver proxectos como este, que afonda na nosa autoidentificación, na nosa identidade, para presumir do que somos, un gran pobo, que segue con atención os alicerces da súa cultura e da súa pegada histórica”.

Alnso X é recoñecido pola obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. Realizou unha inxente obra literaria que inicia en boa medida a prosa en castelán. Escribiu as Cantigas de Santa María e outros versos e realizou así unha gran achega á lingua culta do momento na corte do reino, o galaicoportugués, que polo seu nobre autor perdurounos. ECG

24 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.