Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova serie de cómic: outra forma de humor para primeiros lectores

No mesmo mes que Xerais ofrecía a nova obra de El Hematocrítico (A Coruña, 1976), Alcaldesa vermella, con ilustracións de Mar Villas, seguindo a estela que iniciara anos atrás cunha serie de libros nos que actualiza e reescribe os clásicos e arquetípicos personaxes dos contos populares a través do humor, tamén publicou os dous primeiros cómics da serie Lendas do Recreo, escritas polo autor xunto ao ilustrador catalán Albert Monteys (Barcelona, 1971).

Cunha linguaxe gráfica que destaca pola claridade e a sinxeleza, actuando cada páxina como unha soa viñeta e facilitando a identificación de cada bocadillo co seu correspondente personaxe mediante unha lenda de cores, estes libros artéllanse como unha opción perfecta para o lectorado máis novo.

A pesar da falsa crenza de que ler cómic é máis sinxelo porque “hai menos letra e máis imaxe”, trátase dunha peculiar forma de narrar na que a lectura da imaxe é tan importante como a do propio texto, xa que ofrece informacións privilexiadas para a correcta decodificación da mensaxe. Este formato demanda a capacidade de facer unha lectura parella de ambos os códigos, así como de seguir a progresión da historia que posúe unha forma característica de situarse dentro da folla e de avisar ao lector sobre como debe proceder.

En canto á temática, El Hematocrítico volve non defraudarnos con dúas historias cargadas de humor e cómplices coa infancia. O primeiro volume, A media hora dos heroes, preséntanos a un neno de nome Roberto cunha habilidade especial para xogar co balón, a quen se lle ofrece a posibilidade de unirse ao grupo dos superheroes do recreo comandados por Mandona, especialista en que os demais lle fagan caso.

Logo de coñecer os seus estrambóticos integrantes, Roberto non pode resistirse á diversión que impregna a este peculiar grupo, polo que se pon a facer o seu traxe de superheroe para descubrir, ao día seguinte, que cada recreo é unha nova aventura distinta á anterior.

No segundo tomo, Campións do mundo, os nenos xogan tranquilamente ás agachadas cando se lles une un adulto cunha pinta peculiar, que afirma ser un neno matriculado no colexio.

Cal ía ser a súa sorpresa ao descubrir que Fernando decidira conseguir o récord mundial de máis tempo agochado trinta anos atrás. Mentres se avisa aos pais e chegan os reporteiros, os nenos coméntanlle as novas responsabilidades e os cambios que lle esperan como adulto, mais ao pobre home fáiselle todo demasiado e toma unha inesperada decisión.

rociogpdreira@gmail.com

11 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito