Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novas olladas sobre Pardo Bazán, a pioneira galega que “segue viva”

O congreso internacional en torno ó legado literario e intelectual da escritora continuará na USC o xoves

A sede da Real Academia Galega (RAG) e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolle ata este mércores o congreso internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois. O encontro, que continuará na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e no Consello da Cultura Galega o xoves e o venres, conta con especialistas de primeiro nivel procedentes de distintos países que achegarán novas olladas ao legado literario e intelectual dunha muller polifacética e pioneira en moitos sentidos, que gozou da sona e o recoñecemento en vida e que, no centenario do seu pasamento, segue a estar de actualidade.

“Este congreso ha servir para revisar, actualizar e difundir o pensamento e a obra da autora, que forma parte da memoria cultural de todos nós”, salientou o presidente da RAG e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, na inauguración celebrada este luns na rúa Tabernas da Coruña, que continuou cos relatorios de Darío Villanueva e Marina Mayoral. Todas as sesións poderán seguirse en directo dende academia.gal e na canle de Youtube da institución anfitrioa de cada xornada.

Está prevista a inauguración o xoves 28 de outubro no Quiosco Alfonso da Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade, mostra organizada pola Biblioteca Nacional de España na que poderán verse, entre outras, máis de 70 pezas relacionadas coa ela custodiadas pola RAG.

Víctor F. Freixanes, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a vicerreitora de Cultura da USC, Mar Lorenzo Moledo, en representación das tres institucións coorganizadoras, inauguraron este luns a cita xunto ao director do comité organizador, o académico correspondente e catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán; e mais Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que patrocina o encontro xunto á Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, exemplo de colaboración en favor deste foro adicado a unha grande das letras.

Villanueva dixo: “Emilia Pardo Bazán é unha das narradoras máis importantes de toda a literatura do século XIX e de principios do XX, Cen anos despois da súa morte, a súa literatura segue viva”. E Mayoral sinalou: “As transgresións de Pardo Bazán da técnica naturalista da impersonalidade literaria son consecuencia do seu carácter, da súa forte personalidade, que se manifestaba en todo o que facía”, rematou.

MARINA MAYORAL
Técnica narrativa

··· A académica de honra da Real Academia Galega (RAG) Marina Mayoral, centrou a súa intervención en como Emilia Pardo Bazán manexaba a técnica narrativa naturalista da impersonalidade literaria, un uso condicionado polo propio carácter dunha persoa que non se resignou nunca a agochar as súas opinións, como se agardaba nas mulleres no tempo que lle tocou vivir.

“A impersonalidade consistía en eliminar o que Clarín chamaba os ‘parloteos con el lector’. O autor debía absterse de intervir na narración, evitando interrompela con digresións, e eprimirse para non manifestar os seus sentimentos sobre o que estaba a contar”», explicou Mayoral. “Dona Emilia coñecía esta técnica e estimábaa, pero non sempre a practicaba. Con frecuencia transgredía a impersonalidade narrativa con comentarios, case sempre agudos e atinados, ou manifestando abertamente as súas simpatías ou antipatías. Esas transgresións son consecuencia do seu carácter, da súa forte personalidade, que se manifestaba en todo o que facía, e non restan méritos á calidade da súa obra literaria”, salientou mayoral nesta primeira xornada rnada do luns s do congreso internacional ‘Emilia Pardo Bazán, cen anos despois’.

O encontro, que continuará na Universidade de Santiago de Compostela e no Consello da Cultura Galega o xoves e o venres, xunta a especialistas moi diversos.

Unha voz sempre de actualidade

A Coruña. Tras a inauguración, o director do comité organizador, José Manuel González Herrán, foi o encargado de presentar os primeiros relatorios. A conferencia inaugural correu a cargo do catedrático emérito de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e académico da RAE, Darío Villanueva, quen tamén tivo un recordo especial para o profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández como impulsor da difusión do legado intelectual de Pardo Bazán desde a Real Academia Galega. O investigador centrou a súa intervención no que representou no seu día Emilia Pardo Bazán e no que representa hoxe, desde o ámbito estritamente literario e tamén como pioneira do feminismo, un aspecto no que se afondará en sucesivas sesións do congreso, e que será a cerna da xornada do venres. “A súa inxente produción literaria de Pardo Bazán, segue sendo reeditada e traducida cen anos despois da súa morte”, dixo Villanueva. ECG

26 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito