Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novo libro de Antón Fraguas sobre crenzas populares dos animais

Editado pola Fundación do autor e o Museo do Pobo Galego, está ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva

Co apoio da Xunta de Galicia, a Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego dan ao prelo a obra Os animais de Fraguas, que recolle un texto do polígrafo cotobadés, ata o de agora inédito, sobre crenzas populares arredor dos animais.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da fundación e do museo, Xusto Beramendi, presentarono onte en San Domingos de Bonaval, nun acto no que tamén participaron Miguelanxo Prado, que ilustrou o libro, Kiko da Silva, encargado da dirección artística e Fuco Sangjiao, coordinador editorial.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou “a figura de Fraguas e as súas importantes achegas ao coñecemento e á interpretación da mitoloxía popular galega por medio dunha excelsa e valiosa obra a prol da salvagarda e dinamización global da lingua e cultura galegas” e felicitou ao museo e á fundación “por seguiren traballando arreo no ronsel do noso cotobadés máis universal e por seguir impulsando o coñecemento social da súa figura e da súa obra”.

O libro ilustrado Os animais de Fraguas recupera un texto inacabado e ata agora inédito de Antonio Fraguas sobre crenzas populares arredor de distintos animais, editado coa colaboración do filólogo Antón Santamaria e ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva e a coordinación editorial de Fuco Sanjiao.

Nel, as linguaxes visual e textual dialogan para compartir lendas, consellos, coplas populares e crenzas arredor de animais como as cobras, o lagarto, a sabandixa, o sapo, a toupeira, as arañas, o alacrán, a denociña, o lobo, o raposo, o can, a galiña, o galo, as pegas, o cuco, do paspalló, o pimpín, o chasco, as anduriñas, a lavandeira, a carriza, o crego marelo, o corvo, a rapiña, a curuxa ou os biosbardos; en suma, dos animais de don Antón Fraguas, exemplo de quen traballou por e sempre para Galicia, por amor á nosa Terra.

29 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.