Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Novo proxecto audiovisual de CTV: a comedia ‘Islamización’

O seu creador é o produtor executivo da firma, Ghaleb Jaber Martínez, que tamén é guionista xunto a ourensá Alba Araújo

A produtora CTV está traballando actualmente nun novo proxecto audiovisual chamado Islamización, un traballo que desenvolve grazas ás axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais destinadas a alcanzar a recuperación económica do sector. Estas axudas están financiadas pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), unha maneira de facer Europa, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 para apoiar aos sectores máis afectados, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.

Islamización está concibido como unha rom-com, unha comedia romántica prevista en seis capítulos de media hora cada un. A idea resumida céntrase nunha aposta entre dous compañeiros de traballo que acaba cun deles convertido ao islam e atopando o amor. O produtor executivo e showrunner de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, é o creador e tamén guionista do proxecto xunto con a ourensá Alba Araújo, guionista de O Faro, Los Hombres de Paco e Motel Valkirias.

Trátase dun proxecto persoal de Ghaleb Jaber Martínez, dadas as súas raíces palestinas. “Islamización dá voz a xente que, como eu, creceu entre dúas culturas, sendo unha persoa que en Occidente é vista como árabe e que no mundo árabe é tratada como europea, sen chegar a ser ningunha das dúas cousas e todas á vez” –comenta–.

Explica que ata o momento, as historias sobre a comunidade inmigrante contáronse desde a viaxe persoal e o autodescubrimento, desde o drama e desde un punto de visto anglosaxón, en cambio aclara que en Islamización a trama nárrase a través dunha historia de amor, “un relato universal e atemporal” tratado a modo de comedia e cunha formulación europea. “É unha comedia honesta que nos reconcilia con nós mesmos, que é cálida e ácida ao mesmo tempo e que, en ocasións, fainos reflexionar, ademais de ter a historia de amor de fondo que a converten nunha serie emocionante, vertixinosa e tenra” –describe–.

Por iso, Jaber Martínez considera que o humor é a vía perfecta para explicar emocións complexas e para que a audiencia poida empatizar con certas mensaxes de maneira rápida e fácil. Engade que grazas á relación sentimental dos protagonistas, explícanse conceptos básicos sobre a integración doutras comunidades en España e Galicia ou en calquera lugar do mundo, como son o papel da familia, as afeccións, o traballo, as tradicións e a forma de ver a vida.

É unha comedia cun claro fío condutor, o amor, xa que segundo sinala o produtor executivo de CTV, a temática romántica é a tendencia máis destacada da temporada, producíndose no último ano un auxe das telenovelas e os dramas amorosos xuvenís. Polo tanto, o target será o young adult (de 25-35 anos) e adultos (de 35-45 anos).

OU ‘RAMY’
No espello de ‘Ocho apellidos vascos’

··· Como referentes, ‘Islamización’ segue unha serie de exemplos argumentais de producións de éxito como o filme ‘Ocho apellidos vascos’ ou a serie ‘Ramy’, polo que o proxecto apunta a un argumento baseado no contraste cultural, adaptable a calquera país do mundo. Ademais, a produtora destaca que este é un proxecto de serie de nicho sobre a comunidade musulmá que explota a visión persoal do seu creador, Ghaleb Jaber Martínez. “As historias sobre comunidades e minorías son as máis demandadas polo público de plataformas durante as últimas temporadas”, apunta Jaber Martínez.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito