Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Núñez Feijóo ve nos fondos europeos unha oportunidade para o audiovisual

O presidente da Xunta fixo un chamamento para avanzar no deseño do ‘hub’ do sector, un proxecto que se considera clave para a consolidación da industria

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ve nos fondos europeos unha excelente oportunidade para a consolidación en desenvolvemento do sector audiovisual galego.

O titular do Executivo galego mantivo onte un encontro coas principais empresas de referencia no eido audiovisual co fin de coñecer a súa situación e encarar xuntos os retos do futuro. Na reunión, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, fixo un chamamento para empregar as inversións da Unión Europea para consolidar a importancia crecente do sector en Galicia e se avanzou no deseño do hub audiovisual, un proxecto ao que o titular do Goberno se referiu como unha peza clave para consolidar a industria na comunidade.

Feijóo reuniuse con representantes de cinco empresas punteiras no mundo audiovisual como son Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú. Todas elas coincidiron co presidente no peso específico que supón este sector para a economía galega e no bo momento que vive a industria cunha importancia estratéxica indiscutible demostrando ser un exemplo de madurez, talento e profesionalidade.

Do mesmo xeito, o encontro serviu para que as entidades convocadas puidesen expoñer as súas iniciativas para o novo hub da industria cultural, un proxecto impulsado pola Xunta dentro do programa React da UE co obxectivo de acelerar a reactivación
do sector e incrementar a
súa competitividade. Trátase dunha das principais medidas audiovisuais da Administración autonómica que, cun investimento de 9,6 millóns de euros, pretende xerar sinerxías positivas neste sector profesional galego a través dun proceso colaborativo que permita incrementar as súas capacidades.

A previsión é desenvolver este hub ao longo de toda a lexislatura co obxectivo de colaborar este mesmo ano co financiamento dos mellores proxectos para así seguir consolidando a boa imaxe que a industria cinematográfica galega ten na crítica nacional e internacional. Así mesmo, a iniciativa impulsará a mellora da competitividade de outras empresas culturais e xerará novos postos de traballo.

O apoio ao sector audiovisual enmárcase no compromiso do Goberno galego co sector cultural e que se reflicte no orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, que medra un 85 % ata case os 22 millóns de euros. Grazas a esta achega, a Xunta ten en marcha diversas liñas de axuda por máis de tres millóns de euros que inclúen toda a cadea de valor apoiando aos proxectos audiovisuais desde o seu nacemento ata a súa promoción e difusión.

Os actores de ‘Cuñados’ convertéronse en hologramas en María Pita
A multinacional galega Trison presentou esta ferramenta que fai accións en tempo real

A Coruña. Os actores da película Cuñados Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez convertéronse en hologramas nun pequeno espectáculo realizado na coruñesa Praza de María Pita grazas ao sistema de telepresencia con selo galego Holobox.

A multinacional galega Trison presentou este luns a ferramenta que permite xerar experiencias a tempo real e a calquera distancia, a través de hologramas que emulan en directo a imaxe real dunha persoa ou un obxecto en tres dimensións.

Os actores realizaron a súa función en directo dentro do Palacio Municipal de María Pita e puideron interactuar cos coruñeses que paseaban pola praza e achegáronse a coñecer a ferramenta.

O director de Marketing e Estratexia da compañía, Ignacio Alonso Junquera, indicou que “Holobox é a reinvención dos sistemas de telepresencia”, xa que “simula perfectamente unha imaxe en tempo real” e permite “facer comunicacións de punto a punto” ou a múltiples localizacións á vez.

Así, detallou que pode ser de utilidade para diferentes sectores, como a educación, pois en tempos de pandemia nos que existen restricións de mobilidade esta ferramenta permite que “unha conferencia sexa retransmitida en tempo real a diferentes universidades” ou que “distintos relatores poidan estar en sitios distintos” coa sensación de estar xuntos.

Os espectáculos en vivo, o sector empresarial e o cultural, os museos, a publicidade ou a intelixencia artificial son algunhas das aplicacións de Holobox. efe

27 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.