Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O ‘Álbum de Galicia’ inclúe xa a Couceiro Freijomil

Santiago. Foi un excelente conferenciante, xornalista, ensaísta, pedagogo e un recoñecido bibliógrafo, que chegou a ter máis de mil volumes de tema galego, centos de xornais e revistas antigas, e unha importante colección de manuscritos e notas das súas investigacións. Antonio Couceiro Freijomil (Pontedeume, 1888-Compostela, 1995) é a última persoa en incorporarse ao Álbum de Galicia, proxecto dixital que xunta biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos da cultura galega.

Couceiro destacou por ser un erudito filólogo e bibliófilo, xornalista, ensaísta, pero, sobre todo, un convencido pedagogo. Tiña só dezaseis anos cando abriu un centro educativo de primeiro ensino na súa vila natal.

Converteuse pronto nun profesor cultísimo, modesto e serio e non tardou en destacar como investigador. A súa vocación docente levouno a iniciar por libre os estudos de Maxisterio na Universidade de Santiago, que rematou en 1909 con premio extraordinario.

Un ano despois gañou, co primeiro posto, as oposicións ás escolas do distrito universitario de Compostela e accedeu como auxiliar á Escola Superior Graduada de Lugo. Compaxinou este posto co exercicio libre do ensino secundario. En 1917 volve opositar e acada unha praza como inspector de Ensino Primario. Escolle destino en Ourense, onde reside durante máis de vinte anos e onde coñeceu a Elisa Pavón Rodríguez, con quen casaría en xullo de 1920.

Na cidade das Burgas entra en contacto co grupo Nós. Amigo de Marcelo Macías, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Vicente Risco e outros membros do cenáculo ourensán que o levan a facer colaboracións estables coa Revista Nós e a consolidar a súa actividade xornalística. Convértese en colaborador asiduo de La Zarpa e Galicia, e en redactor xefe do Diario de Orense. Cos anos, atopamos a súa sinatura en El Norte de Galicia dirixido por Francisco Álvarez de Nóvoa; Vida Gallega, onde publica unha colección de versos baixo o título Do meu feixe. Miudencias; El Compostelano, EL CORREO GALLEGO, El Pueblo Gallego e La Noche onde dirixiu a páxina Plumas y letras gallegas e redactou unha columna de efemérides titulada Galicia tal día como hoy.

Formou parte do Seminario de Estudos Galegos, e participou na IV Asemblea da institución, celebrada en Pontevedra entre os días 7 e 9 de abril dese ano cun estudo sobre a ortografía galega coa que procura a creación dunha norma escrita unificada, froito desta intervención publicarase pouco despois, en Ourense, o caderno Ortografía gallega. Bases para su unificación por Antonio Couceiro Freijomil con un apéndice del profesor Abelardo Moralejo, de la Facultad de Filosofía y Letras de Santiago. Con todo, discrepancias con Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, levárono a afastárense dos homes do Seminario e do grupo máis activo culturalmente. O 27 de xullo de 1941 ingresou, xunto a outros dezaoito académicos, na Real Academia Galega a proposta de Manuel Casás Fernández, presidente da institución, Ángel del Castillo e Alejandro Barreiro Noya. Naquela ocasión, o único discurso que se leu foi o de Fermín Bouza-Brey, La mitología del agua en el noroeste hispánico. En 1949 ingresa na sección de Paleografía e Diplomática do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Ao amparo desta institución publicará entre 1951 e 1954 en Bibliófilos Gallegos os tres tomos do seu, aínda hoxe imprescindible, Diccionario bio-bibliográfico de escritores, onde reúne máis de 4000 coidadas e documentadas biobibliografías de autores galegos.

Morreu en Compostela en maio de 1955.

Na súa entrada está acompañada doutros materiais documentais e bibliográficos para comprender a relevancia da súa figura coma as súas achegas na revista Nós, así como en publicacións periódicas nas que colaborou. redacción

27 oct 2021 / 18:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.