Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O ‘Album de Galicia’ suma agora a Casto Sampedro

Foi un erudito en varios campos e tamén o primeiro en dirixir o Museo de Pontevedra

Santiago. O despacho de Casto Sampedro Folgar (Redondela, 1848-Pontevedra, 1937) foi un dos afamados faladoiros que caracterizaron a densa vida cultural da Pontevedra de entre séculos. Foi un erudito, sobre todo no ámbito da historia, etnografía e artes.

Deixou un amplo e variado legado entre o que destaca o Cancioneiro Musical de Galicia e ter sido o primeiro director do Museo de Pontevedra. O Álbum de Galicia, colección do Consello da Cultura Galega introduce a súa entrada que asina Xavier Groba.

Groba apunta a que “era o noveno e derradeiro fillo dunha notábel linaxe oligarca de Redondela. Ao ronsel da póla familiar paterna –o bisavó, o avó e mais o pai foron avogados– Casto Sampedro licénciase en leis pola universidade compostelá en 1872”.

Casou con Josefa Mon Landa, pontevedresa de influente familia á vez vencellada coa do podente embaixador e ministro ovetense. Foi un gran admirador de Martín Sarmiento e, coma el, procurou pasar desaparcibido de aí que son raros os escritos asinados por el.

Era un erudito en moitos e moi variados ámbitos. Como arqueólogo, Casto Sampedro exemplificou ben a transición en Galicia entre os vellos coleccionistas de antigüidades e o que será a práctica da arqueoloxía avanzado o século XX. E a súa man estivo detrás de moitas das actuacións neste ámbito na Boa Vila. Foi o responsable da declaración de Monumento Nacional –o primeiro da provincia– que protexeu as ruínas da igrexa do convento de San Domingos. Participou na fundación da “Sociedad Arqueológica de Pontevedra”, da que foi presidente, e desde onde axuda a salvagardar outros moitos bens arqueolóxicos. raballou nos tres tomos publicados –un cuarto perdeuse– con documentación rescatada, transcrita e glosada “para la Historia de Pontevedra”. E foi unha persoa moi influínte noutro pontevedrés, Xosé Filgueira Valverde.

Casto Sampedro destaca por ser un dos raros investigadores galegos que se interesaron polas tradicións, os costumes e os traballos propios das xentes do mar. A parte mellor coñecida do seu legado ten que ver coa música. Desde 1870 interesouse por coleccionar cantos, tocatas, bailes, danzas e instrumentos populares, con especial atención pola zanfona. Tamén coleccionou partituras eruditas e música popular doutras comunidades o que lle permitiu comparar as tradicións musicais. Sen contar co auxilio de aparatos de gravación e reprodución sonora, don Casto demostra ter unha pericia na transcrición da oralidade musical que, na Galicia do seu tempo, só pode ser comparada coa de Juan Montes. En 1895 obsérvase un punto de inflexión neste labor de recolla musical ao establecer unha rede dun cento de colaboradores que lle remiten datos desde outras partes de Galicia.

En coautoría con Víctor Said Armesto gañou o concurso convocado en 1909 pola Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Un traballo que recuperou Filgueira que o publicou co título de Cancionero musical de Galicia, sen dúbida unha das obras capitais da cultura galega de todos os tempos.

Casto Sampedro Folgar viu culminada a súa dilatada traxectoria intelectual en 1927 ao ser nomeado director e fundador do Museo de Pontevedra. A ese labor dedicou os once derradeiros anos de vida. Alí deixou unha forte pegada inmaterial que custodia a súa herdanza documental -a Colección Sampedro-, que aínda está pendente por estudar e divulgar en moitos ámbitos.

Ao pé da súa entrada pódese escoitar un audio do Cuarteto Caramuxo que interpreta dúas melodías recollidas no Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro: a Cabalgata de Ribadavia e o Pasodoble de los Gigantes. Corpus da Garda.

‘Álbum de Galicia’. En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. redacción

07 dic 2021 / 17:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.