Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“O Ano Xela Arias foi unha das celebracións máis participativas”

Segundo sinala o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes

A Real Academia Galega (RAG) ven de clausurar este xoves o simposio Xela Arias cun programa sobre as súas achegas ao mundo editorial e na relación que sempre procurou entre a poesía e outras disciplinas artísticas.

“Xela Arias mantivo un interese permanente polo diálogo creativo con outras artes”, dixo a xornalista Belén López, nunha xornada onde tamén falaron a guionista, María Yáñez, o editor Manuel Bragado e a profesora da Universidade de Vigo Ana Luna.

A editora Belén López Vázquez, de Baía Edicións, foi a encargada de moderar a sesión que pechou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quen fixo un balance moi positivo das Letras Galegas dedicadas á autora.

“O Ano Xela Arias foi para a Real Academia Galega moi intenso e unha das celebracións máis participativas que lembramos, cunha conexión especial coa xente nova. A figura de Xela permitiunos viaxar por rexistros moi diversos na súa personalidade: a poeta, a narradora, a editora, a tradutora, a activista social e cultural, rexistros representativos dun tempo: os anos oitenta e noventa do pasado século”, salientou Freixanes. antes de engadir: “Sabemos que a Xela Arias non lle gustaba que a clasificasen con ningunha etiqueta e que a incluísen en xeración ningunha, mais esta é tamén unha característica dese tempo cheo de interferencias, influencias de dentro e de fóra do sistema cultural noso, permeables e receptivas como esponxas: un tempo aberto ao mundo e marcado por unha forte ansia de liberdade”, engade.

Pola súa banda, Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018, substituíu neste selo á mesma a Xela Arias como editor de mesa en 1990, cando a escritora decidiu retomar os estudos. A autora compaxinou entón esa nova etapa vital cos labores de tradución e edición como colaboradora externa das coleccións Universitaria e Biblioteca das Letras Galegas de Xerais.

Daquela etapa saíron “numerosas e moi valiosas propostas de tradución avaladas polo seu criterio de lectora”, contou Bragado.

Destes anos son dous dos seus grandes títulos de Arias como tradutora, O derradeiro dos mohicanos (1993), de Fenimore Cooper, polo que recibiu o premio Ramón Cabanillas, e Drácula (2000), de Bram Stoker.

Ana Luna, profesora da Universidade de Vigo, detivose neste foro nas contribucións de Arias ao proceso de fixación da norma a través do seu traballo como tradutora, unha profesión na que medrou igualmente de forma autodidacta e na que foi nos anos 80 “unha pioneira” no labor de verter ao galego obras noutros idiomas. E analizou o traballlo tradutivo da autora e o que significaba traducir en Galicia e á lingua galega no seu contexto.

26 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.