Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Arquivo de Galicia invita a percorrer a historia do ferrocarril

Amosa ata decembro a exposición ‘Sobre dos raís’, cunha escolma de 59 documentos

Santiago. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este mércores na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición Sobre dous raís: o ferrocarril no Arquivo de Galicia, un percorrido pola historia da vía férrea a través de 59 documentos que inclúen desde fotografías a expedientes administrativos, correspondencia, billetes de tren ou folletos.

A mostra quere ser un convite a coñecer a historia da chegada e o desenvolvemento das liñas ferroviarias en Galicia, e tamén un convite a reflexionar sobre a súa importancia como motor da economía, precisamente nun momento de expectación pola próxima chegada do AVE.

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura louvou o labor que o Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, ten desenvolvido ao longo dunha década, “cunha destacada actividade en diferentes ámbitos, e sempre co compromiso da conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia, parte fundamental da nosa memoria colectiva”.

Anxo M. Lorenzo quixo lembrar que desde que en 2013 o Arquivo de Galicia organizara a súa primeira exposición, sucedéronse numerosas mostras destinadas a dar a coñecer ao público os fondos custodiados nos seus depósitos, afondando en diferentes temas da nosa historia e patrimonio.

Sobre dous raís é un magnífico exemplo deste traballo, destinado a preservar e poñer en valor documentación que permite rastrexar e comprender fitos da nosa historia como a chegada do ferrocarril, que tamén en Galicia marcaría o devir social e económico da sociedade dos últimos séculos”, sinalou.

O desenvolvemento das liñas férreas a partir de comezos século XIX revolucionou o mundo das comunicacións, en estreita relación coa revolución industrial.

Mais en Galicia –ao igual que no resto de España– a incorporación desta infraestrutura enfrontouse a diversas dificultades, especialmente de carácter financeiro, o que tivo como resultado que non se inaugurase a súa primeira liña (entre o porto de Carril e Santiago) ata 1873.

A mostra pode visitarse de balde no vestíbulo da Biblioteca e Arquivo de Galicia, no Gaiás, ata decembro. Está aberta de luns a domingo de 9.00 a 21.00 horas. ecg

29 sep 2021 / 18:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.