Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Atlas Lingüístico aumenta cun volume sobre o ser humano

Esta publicación é a sétima do proxecto incluido na Biblioteca Filolóxica Galega

Santiago. O Atlas Lingüístico Galego (ALGa) segue medrando, desta volta coa publicación do segundo volume dedicado ao ser humano que se integra, á súa vez, no sétimo da colección. A nova peza deste proxecto que realiza o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e que editan conxuntamente a USC e a Fundación Barrié, reúne a información correspondente ás preguntas relacionadas coa familia, relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios.

A maioría dos mapas presentan as designacións rexistradas para un mesmo concepto: neno ata os 12 anos (neno, neniño, meniño, cativo, rapaz, etc.), pastor (besteiro, bestelleiro, cabaleiro, muleiro, etc.), curandeiro (manciñeiro, compostor, compoñedor, etc.), telleiro (telleiro, louseiro, canteiro, etc.). Uns poucos mapas recollen tamén a diversidade de significados con que son empregadas certas denominacións de medidas utilizadas no mundo agrícola (arroba, moio, ferrado, tego, etc.).

Este novo volume é o segundo do ALGa con información léxica relacionada co ser humano, xa que en 2005 se publicou o volume V con datos sobre o vocabulario do corpo humano.

presentación. Os detalles deste novo fito do ALGa presentáronos o reitor Antonio López e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, nun acto na Fundación Barrié no que tamén participaron a profesora e investigadora do ALGa, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, e o director do ILG, Xosé Luis Regueira Fernández.

Na súa intervención, Antonio López, ademais de agradecer a participación das entidades e institucións implicadas no desenvolvomento do ALGa, avogou por seguir avanzando e dando maior amplitude ao alcance do Atlas a través de novos soportes con particular atención ás novas tecnoloxías, na procura dunha maior difusión cara á cidadanía.

Pola súa banda, para José María Arias a presentación deste novo volume “asegura que o noso tesouro idiomático non se perda e segue adiante”.

léxico da terra. O volume VII do Atlas Lingüístico galego, pertencente á colección Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos do Instituto da Lingua Galega, ocúpase do léxico da terra como espazo natural, das plantas e das árbores.

Está constituído por 294 mapas que dan conta da variación léxica no dominio galego de conceptos vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios, en total máis de catro mil variantes léxicas para os case trescentos conceptos analizados.

O equipo investigador conformárono os profesores Rosario Álvarez Blanco, Francisco Dubert García e Xulio César Sousa Fernández. No ámbito dos estudos de dialectoloxía europeos o Atlas Galego está recoñecido polo rigor na presentación dos datos e a calidade das visualizacións cartográficas.

O ALGA enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, dirixido polos lingüistas Constantino García (falecido en 2008) e Antón Santamarina, ao abeiro dun convenio entre a USC e a Fundación Barrié. redacción

19 jul 2021 / 17:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.