Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CCG amplía o Proxecto Roteiros cos ‘Cruceiros de Galicia’

Darán a coñecer un centenar destas construccións para resaltar o seu valor patrimonial

Foi Castelao o primeiro grande estudoso dos cruceiros galegos. En 1950 publicou As cruces de pedra na Galiza, obra cimeira da investigación sobre os cruceiros galegos. Cumprido o setenta aniversario da súa publicación, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Amigos do Cruceiros, Cruces de Pedras e Petos de Ánimas poñen o foco sobre este tipo de bens, mostras da devoción popular que proliferan na xeografía galega.

A primeira das iniciativas comeza hoxe, coa presentación de Cruceiros de Galicia un proxecto que agrupa trinte roteiros que darán a coñecer un centenar dos cruceiros máis representativos do territorio galego. Así o presentaron en rolda de prensa, Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Fernando Arribas, o presidente da asociación; máis o técnico do CCG, Manuel Gago.

“Esta iniciativa pretende poñer na axenda cultural o valor artístico e patrimonial dos cruceiros, que habitualmente pasan desapercibidos, aínda que un tipo de ben moi espallado pola xeografía galega e moi asociado coa nosa identidade”, asegurou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. A proposta de itinerarios culturais para visibilizalos forma parte dun proxecto máis amplo sobre o que traballan o Consello da Cultura Galega e a Asociacion de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedras e Petos de Ánimas. Nese sentido, Rosario Álvarez avanzou que “estes roteiros abren unha serie de actividades que se estenderán ata o ano 2022 en que ambas as dúas entidades promoveremos un grande encontro para que se poñan en común as últimas investigacións e estudos sobre este tipo de bens”.

POR ENTREGAS. Desde hoxe, cada segundo xoves de mes, publicarase unha entrega que, segundo explicou Manuel Gago, “están pensados para poder facerse nunha mañá e poden ser complementados coa exploración do resto do territorio, e dos outros roteiros dispoñibles na nosa plataforma”. Ademais, puntualizou que, “aínda que na rede hai bastante información de cruceiros, a posibilidade de coñecelos de xeito estruturado en rutas accesibles e interesantes para todos os públicos supón unha certa novidade”.

O primeiro dos itinerarios propostos permite visitar os calveiros da Terra Chá, a comarca con maior número deste tipo de construcións da provincia de Lugo.

Fernando ten moito investigado sobre a orixe deste tipo de construccións e explicou que teñen unha inequívoca intención relixiosa xa que “sempre se poñen por devoción”. Datou a súa orixe “no século XIV, en plena peste de 1364, a xente empezou a buscar a salvación da súa alma na oración que motivou a proliferación destas construcións”.

Ademais, entre 1545 e 1563 a Igrexa celebrou o Concilio de Trento en que establece o purgatorio e iso implica un aumento da relixiosidade e da devoción. “Nese momento, explica Arribas, a xente empezou a levantar cruceiros para que rezar pola súa alma, de aí que os cruceiros se puxeran nas encrucilladas dos camiños, nos adros e nos lugares por onde pasaba a xente e podía rezar”. Arribas tamén puntualizou que a súa construción non é tan popular como se pensaba, xa que só determinadas clases sociais podían custeala.

Fernando Arribas citou tamén a coñecida obra de Castelao, que explicou por qué os cruceiros, non sendo galegos, se adaptaron moi ben á idiosincrasia galega. “Dicía Castelao que é un monumento onde todo o mundo saía beneficiado: quen o mandaba construír porque está rezando pola súa alma, o que reza porque tamén salva a súa alma e a do promotor, e os bispos e canteiros porque recibían cartos”, explicou.

No marco dos roteiros poderanse ver trinta itinerarios que concentran arredor de 150 deste tipo de bens que responden a diferentes características. Dixo o propio Arribas que “aínda que todos se parezan non hai dous cruceiros iguais”. Ademais da súa visibilidade, este proxecto tamén pretende sensibilizar sobre a súa necesidade de protección. A lexislación actual recoñece como Ben de Intere Cultura, de maneira xenérica, todas as construcións anteriores a 1901. Para Arribas este criterio é arbitrario e deixa fóra moitos bens, por is apuntou á necesidade de clarificar a súa situación de cara á súa protección. ECG

11 mar 2021 / 12:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.