Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CCG constata unha situación grave para a cultura, aínda que menos do esperado

Non é un sector homoxéneo ao que a crise lle afectou por igual // As cifras de facturación non foron tan negativas como se agardaba

O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, acaba de facer público o Barómetro da Cultura Galega II. Xaneiro de 2021, un estudo que ofrece unha radiografía clave do sector e o compara cos primeiros resultados tras a primeira vaga da crise sanitaria.

Nel constata que existe unha maior adaptación á nova normalidade e que as cifras de facturación foron menos negativas do que se agardaba inicialmente. Con todo, non é un sector homoxéneo ao que a crise lle afectou por igual. O estudo revela que as empresas dedicadas ás artes escénicas son as que teñen máis problemas derivados da restrición da capacidade dos recintos, as que máis tiveron que pechar, as que aplicaron máis ERTE e as que teñen unhas maiores dificultades á hora de desenvolver a súa actividade.

Este barómetro constata que a situación para o sector da cultura é menos dramática do que o sector vaticinaba o verán pasado. E así o constatan as cifras que xorden dun estudo realizado en xaneiro e no que repetiron a súa participación 237 das 303 empresas que conformaron a mostra anterior, de xullo de 2020.

En primeiro lugar, a porcentaxe de empresas que está a traballar con normalidade, é dicir, sen aplicar ningunha medida específica, é do 34,9 %, cando na primeira edición do estudo era só o 5,3 % do total.

En segundo lugar, porque a facturación é algo maior do que se esperaba. Se en xullo de 2020 o 43 % das empresas afirmaban que perderían máis da metade da facturación, en realidade os datos constatan que só sucedeu no 29 % dos casos.

traballadores en activo. E, en terceiro lugar, outro indicador desta paulatina adaptación á “nova normalidade” é o incremento de 10 puntos da porcentaxe de empresas que teñen os seus traballadores activos, é dicir, das que teñen entre o 76 % e o 100 % do seu persoal traballando.

Aínda así, nos últimos seis meses incrementouse en 3,5 puntos a porcentaxe de empresas que acometeron algún despedimento de persoal (do 9,2 % de xullo ao 12,7 % de xaneiro). Con todo, esta realidade non é aplicable por igual a todos as ramas da cultura. Durante as 46 páxinas que ocupa o informe, debúllase a situación por sectores e os indicadores relativos ás artes escénicas agroman como graves: o cesamento de actividade afecta ao 38 % cando no resto dos sectores non pasa do 5,4 %; o 22 % das empresas das artes escénicas están en ERTE, mentres que o resto non supera o 14 %.

Son tamén as que en maior medida aplicaron expedientes de regulación temporal de emprego e, ademais, destacan na elección da modalidade de xornada completa (81,8 por cento, porcentaxe que nos demais sectores non pasa do 55 por cento).

Decisións laborais. Para facerlle fronte á pandemia as decisións laborais que se tomaron foron o teletraballo (26,2 %), o establecemento de quendas ou a modificación do horario laboral (25,5 %) e a redución de actividade (21,5 %).

As tres medidas experimentaron unha notable diminución porcentual dende xullo, en especial o teletraballo e a redución de actividade. Detrás está o ERTE, cun 14 por cento. E, con respecto ao peche de actividade, que na primeira vaga foi dun 61,4 por cento, agora pasou ao 8 por cento.

Un futuro incerto cunha valoración empresarial claramente pesimista

Santiago. O futuro preséntase incerto e a valoración é claramente pesimista. O 44,3 % das empresas enquisadas son pesimistas sobre a evolución do seu negocio, pois consideran que a final de 2021 estarán peor que a comezos do 2020.

No emprego, o 17,3 % das empresas da cultura galega contemplan a posibilidade de reducir o seu cadro de persoal nos próximos meses, porcentaxe practicamente idéntica á recollida en xullo.

A previsión de despedimentos é especialmente elevada entre as empresas do sector das artes escénicas, pois contemplan a posibilidade de prescindir de persoal nos próximos meses o 34,7 %, valor que no sector de libros e prensa e no das artes visuais fica en arredor do 15 % e que no do audiovisual e multimedia non pasa do 5,4 %.

A crise ten tamén repercusión sobre os investimentos. O 56,3 % das empresas do sector cultural galego manifestan que adiaron (31 %) ou desbotaron (25,3 %) os investimentos que tiñan previsto realizar no seu negocio no 2020. Esa porcentaxe é 7,5 puntos maior que a recollida en xullo do pasado ano, incremento que se debe ao maior número de empresas que desbotaron estes investimentos (8,5 puntos máis)

A grande oportunidade que se pode presentar a raíz da crise do sector foi a aceleración na dixitalización. O impulso das medidas de conciliación da vida familiar e laboral, ou a colaboración interempresarial son algúns dos aspectos positivos que destacan desta crise.

Medidas propostas. O barómetro tamén mide a valoración do sector sobre o apoio establecido polas diferentes administracións. Segundo os resultados, houbo unha baixada importante na apreciación das medidas tomadas pola Administración do Estado, algo menor na Administración autonómica. Só a local logra certa mellora (0,16 puntos máis), o que non evita que siga a ser a peor valorada.

A súa principal demanda son as axudas directas ou as subvencións a fondo perdido, que medrou 10 puntos desde o pasado mes de xullo, ata situarse no 55,3 por cento). A segunda medida máis solicitada é a supresión ou rebaixa de impostos e seguros sociais (cítana o 52,7 por cento) e as axudas fiscais (o 44,7 por cento).

Con porcentaxes por riba do 30 por cento atópanse medidas como a flexibilización e rapidez das axudas, o aprazamento no pago de impostos e seguros sociais (36,7 %, 10,1 puntos máis), o incremento do gasto público en produt os e servizos culturais (33,7%) e a reactivación canto antes dos circuítos de concertos e teatros (30 %). ECG

06 mar 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.