Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CCG pon en rede parte do epistolario de Virxinia Pereira

Son 28 as cartas entre Paz-Andrade e a muller de Castelao, destacada antifranquista e guieiro da memoria do seu home tras o seu pasamento

O Consello da Cultura Galega deita na rede todo o epistolario cruzado entre Virxinia Pereira (A Estrada, 1884-Madrid, 1969) e Valentín Paz-Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Son 28 cartas que intercambiaron entre 1951 e 1967, nas que se achega información relevante para entender os conflitos xurídicos pola herdanza de Castelao.

Nelas apréciase a firmeza dunha viúva en respectar a vontade do seu home, a complexidade do proceso xudicial da herdanza de Castelao, e o compromiso político e ideolóxico dunha figura que viviu á sombra do máximo expoñente do nacionalismo.

Estas cartas, dixitalizadas e transcritas do fondo Valentín Paz-Andrade inclúen tamén 15 misivas con outros correspondentes: José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo-Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada.

O epistolario complétase cunha reportaxe contextualizadora de Culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG e un artigo asinado por Miguel Anxo Seixas Seoane que analiza a relación entre Virxinia e Castelao.

Nel fai fincapé na complicidade entre eles e o papel que Virxinia desempeñou á morte do intelectual como “valedora da ética actitude de Castelao, que na altura (do seu pasamento) só era celebrado e homenaxeado na emigración e no exilio”.

En 1936 abríronlle un expediente de responsabilidades políticas a Alfonso Daniel R. Castelao. Como primeira consecuencia, suspendérono de emprego e soldo, e un ano despois confiscáronlle todos os bens que había na casa que a parella tiña en Pontevedra como aval do pagamento da multa en que puidese derivar o expediente.

A multa fixouse unha vez morto Castelao e iso condicionou totalmente a herdanza: afectoulle ao legado artístico, tanto á obra en si como aos dereitos de autor que orixinaba, que eran cada vez maiores, e tamén aos obxectos embargados en Pontevedra, aos depósitos que o matrimonio tiña no banco e á casa materna en Rianxo.

A correspondencia entre Virxinia e Valentín axuda a entender todas as dificultades procesuais da xestión do herdo de Castelao.

“Miñas cuñadas e mais eu, levamos no íntimo das nosas concencias, o testamento moral que nos deixou o noso incomparable Castelao. (...). Violalos, nin tan siquera discutilos, sería tanto como traizoar os seus propios sentimentos e a súa vountade, i esto francamente non podo esperalo de elas, que ademais en certo modo son moralmente responsables de que seu irmán non sentira agoiros apremiantes por formalizar unha cousa que contaba xa segura” confésalle Virxinia a Paz-Andrade.

16 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.